07 de octubre de 2019
07.10.2019
La Opinión de A Coruña

Noventa anos con Novoneyra

06.10.2019 | 21:01
Noventa anos con Novoneyra

Un dos poetas grandes poetas de Galicia é Uxío Novoneyra. Logo da lectura do seu libro Os Eidos, Ramón Piñeiro afirmou que "poderíamos chamar a súa poesía como a voz da terra". Novoneyra sinte nos seus versos a dureza da súa comarca patria, o cósmico ceo, a bruma, os bosques, a inmensidade da montaña, o grandor do universo e escribe este poema, que o inmortalizará: "Courel de tesos cumes que ollan de lonxe. Eiquí síntese ben o pouco que é un home". Mais o home que amaba os ríos e as fontes, os paxaros e os lobos sufriu tamén nas súas carnes, como tantos galegos e galegas, a necesidade de buscar un lugar onde prosperar. Novoneyra, tamén foi emigrante, en Madrid. Confeccionou programas de radio e de televisión, nas épocas nas que asistía ás tertulias do Café Gijón. Lembro unha anécdota cando Uxío acudiu ao espazo radiofónico El Loco de la Colina. Naquela edición do programa tamén recitaron os seus versos Manuel María e Manuel Cuña Novas, compañeiros de xeración. El loco díxolle a Novoneyra: "Tengo entendido que usted vive, al igual que yo, en una colina" A resposta de Uxío foi rotunda: "No, yo vivo en una montaña". O corpulento poeta deixou claro desde o primeiro momento cal era o seu xeito de entender o mundo. E de seguido botouse a recitar aquel verso tan propio da época que lle tocou vivir: "Libertad, chamas desde os teus ollos tristes". Eu non podería vivir noutro lado. Galicia métese nun e non te deixa marcha, aínda que, ás veces, parece que te abandona e non exerce de nai como debera. Iso ben o saben os milleiros de galegos que están fóra. Os que máis a aman. Iso dicía Novoneyra, un ser humano marcado pola contorna na que viviu e medrou. Unha paisaxe, que o poeta do Courel inmortalizou cando evocaba os días de neve, fechado na casa, nunha soidade que o envolvía todo e que inspiraba versos como "de tanto calar xa falo eu só" ou aquel outro que nos leva aos paseos do poeta polo monte, cando a auga empapaba o seu corpo: "Chove para que eu soñe". Os fenómenos da natureza, obviamente, son a materia coa que Uxío modela a súa poesía. O vento tamén xorde en poemas como este: "Esta tarde o aire é o meu amigo. Voume sumindo, sumindo. Si o aire quer chegarein a non ser ninguén". Poema que foi musicado no seu día polo compositor coruñés e universal Manuel Balboa, nunha peza para soprano e piano. Un amante do haiku xaponés como Uxío, era lóxico que se sentise influenciado polo conciso e extenso que a poesía oriental posúe, polo camiño dos pensadores e estudosos da natureza. Novoneyra escribía no dialecto do Caurel, un galego cunhas variantes únicas que dota aos seus versos dunha singularidade case druídica. Lean Os Eidos. Aqueles que tiveron unha nenez na aldea revivirán os seus anos da infancia, e aqueles que non gozaron da sorte de contemplar un fusco lusco nun acantilado ou nun monte descubrirán a grandeza da nosa terra. Gústame celebrar o nacemento dos seres que un admirou, e eu tiven o privilexio de facelo desde preto, pois a Fortuna quixo que fosemos amigos. Para amizade non existe a diferenza de idades entre un ser humano e outro, porque tan só a ledicia do amor polas cousas comúns a ambos é o que os une. E este foi o caso. No 2020 cúmprense noventa anos do seu nacemento, do seu camiñar por este mundo, da súa compaña. Celébreno lendo a súa obra ou, cando menos, facendo unha achega á mesma. Non se arrepentirán. Serán felices.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook