12 de octubre de 2019
12.10.2019
SI, HOME, SI

Ecuador

11.10.2019 | 21:40

Cando escribo isto o de Ecuador é grave, e cando vostedes o lean, sexa sábado ou máis tarde se son dos que deixan os periódicos repousar, imaxino que seguirá sendo igual de grave, ou máis. O Goberno trasladado de Quito a Guayaquil, cinco mortos, barricadas e milleiros de persoas en rebeldía, dos que os indíxenas non son os únicos, pero si os mais chamativos. Non deixa de ser revelador que sexan eles, aos que tradicionalmente se lle atribúe unha actitude pasiva, os que encabecen as protestas. Sobre todo as protestas contra un elemento que parece tan abstracto e deletéreo como o Fondo Monetario Internacional e os seus consellos/directrices. E sobre todo cando parecía que Ecuador estaba deixando de ser un país condenado á pobreza e a subsistir coas remesas enviadas polos seus emigrantes.

Polo que sei, a protesta comezou a raíz precisamente dos préstamos recibidos por Ecuador a primavera pasada, uns 10.000 millóns de dólares, dos que o FMI puxo algo menos da metade. O FMI non só deixa os cartos coa condicións de que llos devolvan, senón que indica como hai que facer para aforrar para a devolución, e as indicacións non son moi imaxinativas: no caso do Ecuador, incluían a redución do gasto público, subir os ingresos públicos e unha reforma laboral que "mellore a productividade". O kit habitual. O goberno aproveitou o verán (estando Ecuador no ecuador, non sei que tipo de tempo fará, pero con vacacións seguro que coincide) para ir botando pola calada a unha chea de empregados estatais ou municipais, e o martes pasado, o presidente Lenin Moreno, anunciou o plan: remate das axudas ao combustible (co que tanto a gasolina como o gasóleo pasaban a custar o dobre), una subida de impostos ás empresas con máis beneficios, e tamén un día menos de salario e quince días menos de vacacións aos traballadores das empresas públicas. Non sei se lles parece moito ou pouco, ou se debe ser porque os ánimos xa estaban quentes, pero reparen en que os motivos polos que os chalecos amarelos esparramaron meses enteiros en Francia eran „entre outros„ eses: a suba do combustible e do transporte. Debe ser que a xente, sexa o país desenvolvido ou por desenvolver, o último que quere que lle toquen é o coche.

Hai quen compara estas mobilizacións coas de Venezuela. Probablemente haxa diferencias substanciais entre o nivel de alarma de subsistencia entre un país e outro, pero a máis grande é que aquí non hai masas pro e anti gubernamentais enfrontándose na rúa. Non sei como fará Lenin Moreno pero saír desta, pero atrincheirarse detrás de militares e policía non parece ser unha solución duradeira. E chamándose como se chama, tampouco vexo moi no horizonte unha intervención norteamericana. É máis, posiblemente Trump teña soños húmidos cando escoita corear ás masas "Fóra Lenin!!!". O máis curioso de todo é como o FMI sigue a poñer indefectiblemente as mesmas receitas, sen ter en conta o estado do enfermo, nin o seu contexto. Non é o mesmo recomendar comer pouco a un esfamiado que a un empachado. Despois de empobrecer Arxentina en pouco máis dunha lexislatura cos seus consellos/directrices, o FMI ten que estar moi seguro de si mesmo, ou moi por riba dos problemas da xente real, da que quere comer todos os días, e non se alimenta de estatísticas, para seguir receitando o mesmo na casa dos veciños.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook