O cantante Vicente Fernández, unha das grandes figuras da música ranchera resulta que rexeitou un transplante de fígado por temor, que non certeza, de que o donante fose homosexual ou drogadicto. As palabras que pronunciou no hospital onde lle ían realizar o transplante causaron asombro e estupor no equipo médico que o trataba. A perla que soltou foi a seguinte: "Eu non vou durmir coa miña muller sabendo que levo o fígado dun homosexual ou dun drogadicto dentro de min". Vicente Fernández é un home venerado como o foron no seu día Jorge Negrete, Pedro Vargas e sobre todo o malogrado Pedro Infante, que no país americano é un auténtico deus. Teño dúbidas que este último, persoa dunha cultura e un trato exquisito fose tan animal como o amigo Vicente. Pensan vostedes que Raphael ía a se negar levar un fígado dun homosexual? Raphael esperou polo seu transplante bastante tempo. O seu agradecemento ao donante é inmenso. Daríalle igual que fose transexual, lesbiana, homosexual ou polinesio. E digo o de polinesio porque, xa postos, ao mellor, o amigo Vicente, tamén tería problemas de raza co donante á hora de recibir o seu fígado. Raphael quería vivir e punto, que non é pouca cousa. O certo é que resulta tan desprezable como hilarante, rir por non chorar, a decisión de Vicente Fernández. Como igualmente causa estupor e asombro que os organizadores dun campionato de squash no concello da Corvera, en Asturias, decidisen que as premiadas fosen agasalladas cunha crema depilatoria, unha lima eléctrica e un vibrador. Incrible. Entre as participantes encontrábase a campiona do mundo Elisabet Sadó, que leva nas súas costas quince anos como profesional desta disciplina deportiva. Sadó non deu crédito ao que viviu e sentiu, segundo ela mesma contou "unha mestura entre sorpresa e indignación". Non debemos esquecer que o número de homes federados neste deporte é de 1.550, mentres que o de mulleres é de 255. Sei que o caso xa está en mans do Instituto Asturiano da Muller e na federación autonómica de squash, así como que a polémica causada polos organizadores do torneo provocou a dimisión de tres dos seus membros. Os agasallos foron cualificados polas premiadas como "sexistas e machistas". Que pasaba polas cabezas dos argallantes deste campionato cando decidiron os trofeos que ían entregar as participantes? Foi un acto inocente, provocado pola súa ignorancia, ou un acto cargado de provocación para facerse uns risos a conta das mulleres que ían tomar parte no torneo? Aínda me parecen poucas as dimisións. Entre estes rapazolos e o amigo Vicente, confeso que son eu o que non saio do meu asombro, estupor, sorpresa e indignación. Cara onde camiña esta sociedade? Camiña cara algures? Ah, si, que parvo, camiña cara o abismo. Como non me decatara antes? Eu si que son un inocente, que só quere vivir, como Raphael e punto, que non é pouca cousa.