Vendo os informativos, e sobre todo escoitando aos nosos líderes nos informativos, parece que a tensión do Oriente próximo trasladouse un pouco máis acó, a este beira do Mediterráneo. Mesmo Albert Rivera compara a súa cidade natal, Barcelona, con Bagdad (Iraq) ou Alepo (Siria). El coñece Barcelona mellor ca min, pero creo que unicamente centrando o plano nalgunha imaxe „lume, algún coche queimado„ hai algún tipo de semellanza. O que queda fóra dese plano „centos de milleiros de mortos, millóns de desprazados„ non ten nada que ver.

Queimar coches en sinal de protesta é un actividade esencialmente europea. Arderon nos disturbios de Londres de agosto de 2011 (cando o goberno pensou en prohibir as redes sociais) provocados pola morte dun delincuente de raza negra a mans da policía, e que se estenderon a moitas cidades británicas durante semanas. No 2005, cando dous rapaces de orixe magrebí morreron electrocutados cando escapaban da policía, houbo un terremoto incendiario: 1200 coches só nunha noite en París. No ano 2010 arderon 40.000, e queimalos a Noite Vella é xa unha tradición desde hai un par de décadas, e non soamente por rapaces de orixe inmigrante. A media dos últimos anos é de mil coches calcinados esa data. En Barcelona esparraman, polo que parece, rapaces de clase media, pero en todas partes a razón é a mesma: porque están cabreados e pensan (ben, pensan non, sáelles do corpo) que rompendo e queimando cousas é como conseguirán que lles fagan caso. Ou non, pero polo menos desafogaranse. En Londres, en París, en Alemaña, porque se senten perseguidos pola policía, polo paro ou polos pais. En Barcelona, porque se senten agredidos por España, polos tribunais e pola falta de futuro.

O periodista conservador P.J. O'Rourke dicía, falando do Líbano e das loitas entre organizacións, que tamén el de rapaz preferiría andar cun kalashnikov pegando tipos cos amigos que ir ao instituto e facer deberes. Volvendo a Barcelona, se acabas unha carreira, ou non puideches estudiala, e malvives cun salario insuficiente, sería raro que desaproveitaras a oportunidade de romper cousas. Se xa o fas sen razón ningunha en canto tomas dúas copas de máis, con máis motivo se están salvando a patria ou protestando contra a inxustiza. O que é digno de estudar é porque non o fan os rapaces de sitios onde hai un 50% de paro e practicamente o outro 50% a ocupación que ten non lle dá para vivir se non é na casa dos pais e a mesa posta. Con iso non quero dicir que estea de acordo con queimar cousas. Simplemente poñer o foco na súa exacta medida. Esas cousas pasan Europa adiante e non se rompen os estados. Dígoo porque xa hai unha xuíza que está acusando os detidos non por desordes públicos o atentado contra a propiedade, senón de tentar impedir o cumprimento dunha sentencia, como se en vez de protestar contra ela pretendesen asaltar a prisión para liberar os presos.

Contribúe menos a centrar o asunto medidas como pedir a dimisión do ministro de Interior por saír a cear fóra do ministerio. Entendo que iso o faga Vox, que ten na demagoxia unha das patas coas que anda, pero non un partido como o PP, que tivo unha alcaldesa de Madrid, que se foi co seu marido mentres nunha instalación municipal morrían cinco rapazas porque non se seguiron as normas de seguridade. Ou un ministro e un director xeral de Tráfico que, no medio dunha nevarada que atrapou milleiros de persoas, en xaneiro do ano pasado, foron a Sevilla a coordinar o, un desde a casa e outro desde o palco do Sánchez-Pizjuán. Neses momentos, todo o que sexa sobreactuar é botarlle gasolina ao lume.