Asha Ismail naceu no 1968 en Garissa, na Kenia. A ONG Terra de Homes con motivo dos quince anos de vida en Galicia fíxolle entrega do Premio A Ollada unha estatua en esmalte deseñada pola artista Julia Ares. Este galardón levárono con anterioridade persoas de recoñecido prestixio polo seu labor na loita pola nenez. Unha pincelada moi breve de quen é Asha Ismail. Publicamente é unha recoñecida activista de dereitos humanos keniana que fundou no 2007 a asociación Save a Girl Save a Generation cuxa misión é acabar coa mutilación xenital feminina, o sistema de dotes, o matrimonio forzado e outros abusos contra as mulleres en África e en Asia. Ata aquí podería chegar esa pincelada, mais convén aprofundar na orixe que a leva a tomar a determinación de dedicar a súa vida a defender ás nenas do perigo que supón que caian en mans de carniceiros que lles van destruír o corpo e a mente para sempre. Cando tiven que presentar a Asha sentín unha onda emoción. Sabía todo o que tiña sufrido, mais con todo, o seu sorriso, poucos sorrisos vin iguais, iluminaba a escena do Teatro Colón ata contaxiar ao público da súa loita e da súa ledicia. Ismail está moi sensibilizada co problema da mutilación xenital feminina porque cando tiña cinco anos un deses carniceiros, aos que fixen referencia con anterioridade, someteuna á infibulación, que é un dos catro tipos de mutilación xenital feminina. Unha práctica das máis crueis, na que lle extirparon o clítoris, lle cortaron os labios maiores e menores e lle coseron case por completo a vaxina. Como se sobrevive a isto descoñézoo, pero Asha fíxoo e todas as Ashas que forman parte da súa asociación e da súa batalla por acadar a erradicación desta barbarie. Ela foi coordinadora do Proxecto para a Prevención e Sensibilización sobre Mutilación Xenital Feminina titulado Non lle cortes os soños e tamén participou no documental A mazá de Eva, dirixido por José Manuel Colón que denuncia a práctica da ablación. No 2018, Amnistia Internacional puxo en marcha a campaña Valente: cuxo obxectivo era aumentar a presenza das defensoras dos dereitos humanos en Wikipedia. Deste xeito, incluíuse a Ismail xunto con outras activistas como Leonora Castaño, labrega colombiana e defensora dos dereitos humanos e da muller ou La Colectiva, asociación de mulleres colombianas e españolas refuxiadas e exiliadas. Este pequeno perfil será suficiente para que vostedes comprendan que cando collín a Asha da man e a levei ata o centro do escenario, o teatro, abarrotado, se puxese en pé para homenaxear a semellante ser humano. Mais, Ismail, ten un carácter discreto e unha modestia inmensa, por iso, no momento no que aínda os aplausos se prolongaban abandonou a escena e ocupou a súa butaca como unha espectadora máis e co seu eterno sorriso debuxado no seu rostro, inesquecible xa para todos e todas os que estivemos na gala dos quince anos de Terra de Homes. Mais todo isto é posible grazas á colaboración de voluntarios, familias acolledoras e profesionais da medicina que colaboran desinteresadamente no proxecto Viaxe á vida, que leva operado 105 cativos e cativas que logo regresan sans xunto á súa familia de orixe. Como todo isto non sería posible sen a figura de Raúl Besada, delegado da ONG para Galicia, quen coa súa entrega e capacidade organizativa fai das ilusións realidades.