As imaxes que chegan estes días de Barcelona sen dúbida exceden os plans dos que agardaban tirar un rédito político sen grandes custes da sentenza do 18 de outubro. A contundencia das penas, máis que a súa tipificación, detonou unha forte indignación popular que se manifestou, desta volta, con carga de violencia nas rúas, rachando cun dos principais sinais de identidade do procés: o seu carácter multitudinario e pacífico de estudada raigame gandhiana.

Na parte independentista, o president Torra, situado na complicada tesitura de empregar os mossos na represión da revolta, actuou de xeito vacilante, querendo ubicarse ao mesmo tempo nos dous lados da barricada e visiblemente superado pola magnitude duns acontecementos que non semellaban cinguirse ao previsto nun guión afectado pola excesiva distancia cos feitos dos seus redactores. Na era dixital, lonxe segue estando lonxe, e Waterloo tamén.

A CUP non ten contradicións que xestionar nestes momentos nin a necesidade de amainar o clima con vistas á futura negociación co estado que se escenificará a partir do 10-N. Aínda que esta sexa a primeira vez que se presenten a unhas eleccións xerais, eles saben que hai lexitimidades que se gañan nas rúas, non nas urnas. A risco, cada vez máis claro, de fraccionar o procés, e esa debe ser, sen dúbida, a gran preocupación dunha ERC que vía chegada por fin a súa hora pero que agora pode pagar cara, e talvez inxustamente, a súa estratexia de desescalada co PSOE nos últimos tempos. Hong Kong pódese converter no Derry e Rufián non foi ben recibido nas barricadas barcelonesas.

Unidas Podemos e Máis País volven estar xuntas en Cataluña. A súa tentativa de desviar o debate do nacional cara ao social resulta máis ben torpe cando non directamente escapista nestes momentos críticos. Sorprende ver prisioneiros do dilema de Lakoff, o da cuestión ineludible, a aqueles que no seu día o empregaron como marco teórico para definir a crise dun réxime, o do 78, que hoxe semellan lexitimar en clave de orde pública, baixo o rótulo dunha razón de estado concibida en termos unicamente schmittianos, como monopolio da violencia.

Na dereita, nada que agardar. Xa pasaron os tempos da Inquisición, pero aínda lles quedan o 155 e o estado de excepción. Rivera terá a oportunidade de interpretar o seu papel favorito de axente provocador do unionismo duro, en forte competencia co imperialista de fundación pública e dun Casado que por fin parece comprender as virtudes do Tao rajoyano.

E agora sabemos, por fin, por que quería repetir o PSOE as eleccións: para situarse de novo no centro do taboleiro como única opción realista e razoable de voto nun escenario de polarización. O plan era óptimo nunha situación de tensión controlada, pero ante o desborde, se o PSOE finalmente aplica o 155 ou a suspensión de dereitos, a cuestión catalá quedará definitivamente sen solución política a longo prazo.

Máis alá da cuestión territorial pero relacionada con esta, vese agromar unha corrente subterránea de descontento social: outono quente.