27 de octubre de 2019
27.10.2019
La Opinión de A Coruña
o labirinto do alquimista

A mítica árbore do teixo na Galiza

26.10.2019 | 20:51

O etnógrafo verinés Xesús Taboada Chivite no Culto ás árbores en Galicia abre a unha teimosa proposta do arqueólogo Florentino López Cuevillas, a da fitolatría ou dendrolatría, arredor dos cultos pagáns ás árbores ou a bosques considerados sagrados. As pegadas toponímicas, arqueolóxicas, etnográficas abondan como en poucas partes. Algo que no século VI, Martín Dumiense, declara anatema no seu De correctione rusticorum, sobre os cultos ás pedras, ás árbores, ás fontes, anatemizados en varios concilios posteriores. Culto que dalgún xeito pervive cristianizado en rituais arredor de ancestrais árbores mediando tres Marías, como tres Gracias, as que conducían ao neno que tiña o enganido pra pasalo entre os ocos das raiceiras e daban voltas arredor da árbore... deixando as súas prendas vellas, vestindo as novas.

De fin do século I foi o historiador romano, de orixe descoñecida pero formado na cosmopolita Cartago, Lucio Anneo Floro, escritor de rigor aínda que de ton retórico e poético, autor dunha Historia da Roma, na que, igual que Tito Livio, este historiador oficial de Augusto, cóntannos as guerras cántabras, acontecidas do 26 ao 19 antes da nosa era, paso definitivo pra romanización dos confíns de Iberia, territorio dos célticos, da resistencia da fortaleza de Arecelio (quizais Aradillos, preto de Reinosa) e do acoso do Mons Medulio (quizais as Médulas no Bierzo). Pra conquistalos coutáronse cun foxo... aqueles "bárbaros" conta, ao sentirse cercados, sen saída, fixeron festa comunal "e déronse morte incendiando todo, espada en man e bebendo un veleno que alí a xente extrae dos teixos ( inter epulas venenoque, quod ibi volgo ex arboris taxeis exprimitur), así a maior parte deles librouse da cautividade romana, a que lles parecía peor que a morte, até ese momento non foron dominados. César, que pasaba o inverno en Tarragona soubo destas cousas a través dos legados Antisio, Furnio e Agripa. Fíxoos baixar dos montes pra tomalos como reféns e vendelos como prisioneiros... Décadas despois Dión Casio e logo Orosio ofrecen datos similares sobre estes feitos. Pero o que trae aquí é a referencia ao suicidio usando o veleno extraído do teixo ao que se refiren tamén outros cronistas, que din son prácticas características dos pobos célticos. Plinio tamén se refire e mesmo aclara que o obtiñan das follas do taxus baccata, práctica coñecida repetida nas Galias, pois Cesar menta esta práctica entre os eburóns.

Instintivamente o teixo é respectado polo pobo, aínda esquecendo a súa historia cultural. Árbore pois asociado á toponimia, Teixido, Teixeiro, Teixeiro, Teixedal, Teixoeiro, Arteixo.... ao santuario e á peregrinación a San Andrés de Teixido, onde as lendas falan e recolle Bascoy que había a aldea de Teixidela, engulida polo océano, asolagada por pagán. Onde os que concorren camiñando apóianse nunha vara rematada cunha ramiña de teixo presa. Santuario como sabemos asociado á ascese, ao camiño cara ao altar, á trasmigración das almas despois da morte. Así que se di que a San Andrés de Teixido vai de morto o que non vai de vivo e farao en forma de réptil...

E velaí os teixos, aínda erguidos nos adros de algunhas antigas igrexas, quizais próximas a castros, poida que contrastando coa inmediata oliveira, ambos con fonda significación. Velaí nas mariñas betanceiras o teixo do adro da parroquial Santa María de Obre, próxima ao castro, invadido de eucaliptos, o teixo da Igrexa de Córneas na Baleira ou o que da entrada a aldea de Piornedo nos Ancares, o de Cereixido en Quiroga, o de Carballido na Fonsagrada, o de Balmonte en Castro de Rei... o teixo do adro de Santa María de Entrimo, anterior á fábrica barroca do templo. Algúns dos devanditos teoricamente protexidos, catalogados como árbores senlleiras polo Decreto 67 do 17 de abril do 2007.

Ao respecto da árbore do teixo quedan antigas tradicións, quizais mellor conservadas nesa parte da Gallaecia romana como era Cantabria e a Asturicense. Ao respecto do territorio Orosio, entre tantos clarifican o mapa da antiga Gallaecia Cantabri et Astures Gallaecie provinciae portio sunt e as cousas hainas que ver no seu contexto de espazo e tempo. Precisamente foi entre os montes de Astúrica onde se refuxiaron os reis galaico leoneses en momentos de razzias islámicas e nórdicas, gardando reliquias e tradicións. En Cantabria Liébana que garda tantas reliquias conserva na súa paisaxe interesantes exemplares de teixos, velaí a Braña de los Tejos en Peñarrubia, coa sintomática Peña Sagrada, tanto así que o teixo considérase a árbore sacra dos cántabros, asociado a asentamentos castrexos e a lendas que adxectivan como "célticas". Teixos moi coidados, mesmo hoxe polo asociacionismo cultural. Campumanes, Berniego, a Rebollada en Somiedo, o de Pastur, os de Boal, Santolaya en Mieres, Sebrayo en la Capillona, Bermiego, Cabrales, Lastres, Cerredo en Tineo, Lena, Libardón en Colunga, Moro en Ribadesella, Ayones en Vales. Murias, Villacibran, Molexón en Vegadeo, asociados a igrexas antigas.

Ben coñecido a ermida -con vestixios tan antigos, quizais célticos (o frontal do altar)- de Santa María de Lebeña, Cantabria, antolóxica construción do prerrománica, anos da repoboación mozárabe, seguramente cristianizando un máis antigo templo pagán. Adro de interese dendrolóxico, tanto pola súa antiga oliveira como polo venerado e sorprendente teixo, fendido por un raio nun primaveral 19 de marzo do 2007, co conseguinte desgusto popular, xa que arredor daquel monumento da natureza practicábanse ritos en relación coa fecundidade. De inmediato, e quizais seguindo o instinto da tradición axiña volveron a transplantar un fillo de aquel. Conta a tradición que cando don Alfonso, conde de Lebeña que andaba dun lado pra outro coas reliquias de Santo Toribio xa mandara construír aquela igrexa en honra do antigo teixo sacro e que coa súa esposa Xusta plantou a oliveira....

Ritos panteístas ás árbores, a vellos carballos, castiñeiros ou teixos, símbolos de perdurabilidade, baixo os que se facían asembleas, se daba a palabra e facían promesas... Árbores de fonda raiceiras, erguidos en ramas á luz do sol, quizais de troncos abertos en caracochas que tantas veces serviron de acubillo, mesmo onde as tradicións din que se atoparon antigas imaxes, moitas delas da Virxe... Castelao, sabio intérprete da identidade galega en moitas das súas obras e por algures usa a figura da árbore milenaria para expresar a perpetuación a través da forza da Terra e as esperanzas.

No mundo céltico irlandés a significación do teixo sigue viva, pola arqueoloxía sabemos que as lanzas, os escudos, as táboas onde escribir en siglas ogámicas, os báculos dos abades, amuletos... estaban labrados en dura madeira de teixo, asociados a ritos e a cousas de carácter funerario. Nas lendas célticas dise que a roda do mítico druída Mog Ruith, profeta do Apocalipse, é de madeira de teixo, mesmo o nome dos antigos reis de Eirín, Eochaid, viñan a significar como da orde do teixo.

Ilustrados e románticos galegos, coñecedores de mitos e tradicións célticas, levan aos xardíns dos seus pazos árbores simbólicas nas que coidan radica a identidade, como o teixo do pazo de Artime en Vilagarcía, o de Baldomir en Bergondo... A tradición transita, transmite e non traizoa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook