Ananda Español cumpre noventa anos. Noventa anos, quen os pillara!". O valor que lle damos á vida e que esta merece. Vaian por diante os meus parabéns. Ananda é un recordo que me acompaña desde moi mozo. Se cadra, desde o ano 1982 ou 83. Primeiro fun o seu técnico de son en Radio Cadena Española en programas que ela realizaba. Logo fun o seu compañeiro de micro e máis tarde colaboraría comigo en programas que eu presentaba e onde Ananda lía pequenos contos e poemas con esa voz envexable que todos admirábamos. Ninguén entendía como unha muller que fumaba tanto, puidese conservar un timbre tan marabilloso e único. Pero sen dúbida o recordo máis emotivo que gardo da nosa amizade foi o que supuxo dirixila en obras de teatro radiofónico. Dirixir a Ananda Español, que barbaridade e que ousadía pola miña banda. Tíñalle moito respecto e tremíanme as pernas mentres lle daba indicacións para a súa interpretación. De todas aquelas aventuras a que lembro con máis agarimo é a honra que sentín ao dirixila, xunto ao desaparecido Gonzalo Martín Letamendía Chalín en O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca de Álvaro Cunqueiro, peza na que ela interpretaba á Raíña e Gonzalo ao Rei. Antes daqueles anos, e antes da chegada da dobraxe a Galicia, Ananda Español dedicara parte do seu enorme talento ao mundo do canto. Nos anos cincuenta foi unha das voces máis sobranceiras da Coral El Eco, outra cousa que compartín con Ananda, pois tamén formei parte dese coro. Ela, nas óperas que visitaban Coruña ou nas que se producían desde a nosa cidade, sempre facía algún papel destacado, debido a calidade do seu timbre. Descoñezo se daquela fumaba ou non. Pero para o público era unha delicia escoitaba, ata o punto que nos anos sesenta compartiu un aria co tenor Alfredo Krauss. Pouco habería máis que dicir, pero no caso de Ananda, si. Cómpre lembrar a súa intervención en diversas zarzuelas, destacando pola importancia do rol que desempeñaba na mesma El indulto do mestre Gorcelián. Pero a inquedanza polas artes relacionadas coa voz era inabarcable para Ananda Español, quen tamén fixo teatro. Estou certo que participou co mencionado Gonzalo Martín Letamendía en La venganza de don Mendo que dirixiu o escritor Luis Iglesias de Souza, quen fora o creador da compañía teatral La farándula e fundador de Amigos de la Ópera. E por fin chegou a dobraxe, Aí volvemos a coincidir. Foi ela a que me informou que a dobraxe chegaba a Galicia, pois tiña amizade con Xoán Guisán e con María Romero que foron os nosos mestres neste oficio. Na dobraxe Ananda tivo unha carreira extraordinaria. Dobrou á nai de XR en Dallas, e prestou a súa voz a Giuletta Masina en Hoy quizá e a Bette Davis en Un gangster para un milagre ou a Katherine Hepburn en Adiviña quen ven cear esta noite? Para cine dobrou en castelán a actriz Phyllida Law en Los amigos de Peter de Kenneth Branagh e participou na primeira película dobrada para cine en galego O pico das viúvas, poñendo a súa voz a Joan Plowright. Unha vida longa pero intensa. Dedicada con paixón e amor ao mundo vocal. Ao instrumento máis humano da orquestra, á música do mundo. Gracias pola túa compaña e a túa amizade e por iluminar os pasos da nosa existencia coa túa entrega á arte da interpretación falada e cantada. Parabéns por eses noventa, Ananda Español.