Cando non che gusta como están dispostas as fichas sobre o taboleiro, dálle unha patada. A frase é de Frank Underwood, o Maquiavelo de sobremesa que educou a toda unha xeración nas artes da emboscada política, pero que ben podería valer para definir a estratexia de Pedro Sánchez do verán pasado. A vitoria de abril-maio non abondaba, obrigábao á cohabitación con Iglesias e a procurar continuos pactos co nacionalismo no contexto da maior crise territorial do Estado español nos últimos cen anos.

Entón, estenderon sobre a mesa os mapas da proxección de voto de Tezanos e Redondo trazou as precisas manobras de comunicación e relato para xustificar as negociacións frustradas que debería executar Carmen Calvo. Todo parecía encaixar de marabilla, os vinte deputados máis estaban na man se cadaquén recitaba a súa parte do guión con certa exactitude pero, por se acaso, conviña reforzar a elección responsable do electorado situándoos nun contexto crítico: a sentenza do procés, e para mobilizar o electorado vermello, traslado dos restos do golpista.

O plan estaba ben pensado pero non foi executado debidamente. A intención de frustrar as negociacións por parte do PSOE resultou evidente desde o principio. Sánchez confesou que compartir goberno con UP lle quitaba o sono e, catro días antes das eleccións, declarou ademais que tiña a vontade de empregar con fins políticos a Fiscalía do Estado. A tensión en Barcelona sobrepasou os límites previstos inicialmente e, o erro máis fatal de todos, o votante medio de Cs non resultou ser un gañador da competición meritocrática con vontade de vivir nun país unido no que se respectan as leis, senón, máis ben, un aspirante derrotado a clase media profundamente cabreado ante a prolongación da crise económica que sobre todo esixe man dura en Cataluña. Este fascismo sociolóxico, o produto inevitable dese cultivo intensivo dos medios de comunicación españois que é a catalonofobia, votou masivamente por Vox, ningún polo PSOE.

Na España weimarizada da segunda década do 2000, na que Cataluña cumpre escrupulosamente co rol de outro odioso, de xudeu, e os novos camisas azuis recrutan como antano boa parte dos seus membros de todos os niveis das forzas de seguridade do Estado, para completar o cadro do desastre, só faltaba un aprendiz de mago cegado polo seu propio éxito e disposto a converter todo o país nun verdadeiro laboratorio social co único fin de mellorar os seus números. Nalgún círculo do Inferno de Dante, un destes Underwoods modernos é condenado a contar infinitamente votos que nunca lle dan para a maioría absoluta.

Neste escenario incendiado debemos facer hoxe política. Alegrámonos particularmente de que o BNG, no contexto sempre desfavorable deste país sometido á propaganda monolóxica dun madrileñismo feroz, fora quen de resistir o embate desta nova vella dereita española, autoritaria e brutal. Aquí o Partido Popular de Fraga aínda conserva case intacto o seu carácter de casa común de toda a dereita: verémolo nos meses que veñen acentuar o seu discurso ultra para evitar demasiadas fugas de cara ás eleccións galegas do ano que vén.