Desde a nosa óptica, pódenos parecer estraño que Trump estea en apuros non por todo o que solta pola boca, senón por unha chamada telefónica. Foi precisamente o Día de Galicia deste ano, ás 09.30 da mañá cando o presidente dos EUA levantou o teléfono para falar co seu homólogo, o recén electo presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski. Máis ben, premeu a un botón para que escoitasen a conversa todos os presentes, media ducia de funcionarios e asesores dispostos a tomar nota de todo o falado. Trump, como todos os presidentes, polo menos os de EUA, tiña un guión de temas, pero ao pouco, a conversa colleu por uns camiños que fixo que os apuntadores comezaran a mirar uns cara os outros. "Necesitaba que nos fixeras un favor", díxolle Trump, como quen di, "Oes, Volodímir, meu, bótame unha man aquí, ho". O favor eran varios: necesitaba axuda para investigar unha teoría conspirativa sen fundamento ningún, e para atoparlle algunha trapallada a un posible rival, Joe Biden. Mesmo se queixou de que o fiscal xeral ucraíno non atopara nada. Zelenski, rápido como unha centella, dixo que escollerían un novo fiscal 100% seu. Trump, que se libraría da embaixadora que tiña en Kiev, que non lle gustaba a determinados homes de negocios de alí.

Na Cámara de Representantes dos EUA empezaron as audiencias públicas que poderían posibilitar o impeachement ese contra o presidente. Sería a terceira vez na curta historia do país. Iso de mesturar os intereses persoais e os institucionais aquí vese normal. Entre centos de exemplos, o ex ministro de Defensa, Pedro Morenés, aquel que retrasara a construción das fragatas F110 en Navantia para colocar os mísiles da empresa da que fora director, acaba de ser designado presidente do consello dunha sociedade á que salvara da ruína cando estaba no Goberno de Rajoy. Volvendo á política seria, a conversa enteira entre Donald e Volodímir é pública, non por filtración ningunha, senón porque foi desclasificada hai mes e pico por orde da Casa Branca. A min gustaríame saber tamén o contido das chamadas que se fixeron desde alí a institucións como a Organización de Estados Americanos, que asegurou que houbo irregularidades nas últimas eleccións en Bolivia nun informe tamén bastante irregular. Ou ao xefe militar de Bolivia que "suxeríu" a Morales que se apartase. Ou se hai alguén chamou a gobernos como o de Perú, que impediu repostar o avión que levaba ao presidente derrocado a México.

Non sei se alguén está chamando aos gobernos das democracias occidentais para que miren para outro lado e asubíen mentres un militar lle di a un presidente que se vaia e se autodesigna como substituta unha vicepresidenta segunda do Senado polo método de que voten só os seus e botar do Parlamento aos contrarios. Sinceramente, non sei onde están os xuíces Marchenas cando se necesitan. Pregunto por estas chamadas telefónicas porque hai outras máis ou menos coñecidas: as xestións que os dirixentes republicanos dos EUA Ted Cruz e Marcos Rubio (escollidos sen dúbida polos seus coñecementos idiomáticos) fixeron na embaixada de Washington en La Paz para montar algo de rebumbio. Realmente, máis ou menos todo se acaba sabendo, a diferencia é que se fai co que se acaba sabendo, e a quen lle importa ou non.