Antecedentes

O pasado día 13 de novembro a Dirección Xeral de Función Pública remite aos axentes sociais os borradores dos procesos selectivos en relación coas convocatorias dos corpos xerais da Xunta de Galicia que desenvolven as Ofertas de Emprego Público dos anos 2018 e 2019 e que inclúen prazas de acceso libre, estabilización e consolidación.

Separándose do criterio seguido en anteriores ocasións e da tónica xeral dos procesos noutras Comunidades Autónomas (véxase as recentes convocatorias da Comunidade de Madrid e de Andalucía), Función Pública decidiu que realizará unha convocatoria conxunta, convertendo as prazas de acceso libre ás que tradicionalmente se accede mediante o sistema de oposición en concurso-oposición. É dicir, fusiona, por unha banda, as prazas dos recoñecidos procesos de estabilización e consolidación dirixidos aos funcionarios interinos e ao persoal laboral indefinido, co obxectivo de afianzar os seus postos de traballo, para os que se establece o sistema selectivo de concurso-oposición e para os que adquire unha especial relevancia a acreditación de méritos, principalmente centrados na experiencia profesional no ámbito da función pública. E, por outra banda, as prazas necesarias para o persoal da quenda xeral, que por non dispor da posibilidade de acreditar méritos, deberían de rexerse, como até agora, polo sistema selectivo de oposición.

Consideracións

Desde o Centro Galego de Estudos Infórmate apoiamos a estabilización da ocupación temporal e cremos firmemente no fortalecemento daquelas medidas que aseguren un emprego estable e de calidade, pero non podemos ignorar as necesidades dun colectivo que, sen experiencia previa na función pública, decide aceptar o compromiso de preparar un proceso selectivo, asumindo un elevado custo de tempo, familiar e económico.

Consideramos, polo tanto, que é imprescindible que este Goberno se sensibilice en materia de acceso ao emprego público e permita que os mozos que acaban de finalizar os seus estudos ou aqueles que vivan a súa primeira experiencia na preparación de procesos selectivos, teñan a oportunidade; facendo valer os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, de acceder á función pública nas mesmas condicións que os seus homólogos opositores.

Deste xeito, contribuiríase á incorporación a esta Administración de persoal altamente cualificado, dado o elevado nivel de esixencia da mesma. No caso contrario, os opositores veríanse abocados a incorporarse a outras Administracións, ante a dificultade de competir con outros aspirantes por carecer de experiencia profesional no ámbito do emprego público.

Pretendemos así, pór en valor a principal razón que motiva a existencia dunha oferta de emprego público, que obedece a aquelas necesidades de recursos humanos que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso. Así o entenden as Comunidades Autónomas de Madrid (OPE 2018 DOCM núm. 303 de 20 de decembro de 2018 e OPE 2019 BOCM núm. 74 de 28 de marzo de 2019) e Andalucía (Resolucións de 8 e 12 de novembro, BOJAs núm. 220 e 221 de 14 e 15 de novembro de 2019), que nas súas recentes convocatorias establecen procesos de estabilización (sistema de concurso-oposición) separados dos da quenda xeral (sistema de oposición).

De feito, o Goberno de Andalucía explica moi ben a necesidade de facer esta diferenciación entre os procesos de acceso libre de novo ingreso e os de estabilización do emprego temporal. Afirman que "desde a aprobación da Oferta de Emprego Público de 2009 na Mesa Sectorial de Negociación coas Organizacións Sindicais, veuse informando da necesidade de que os procesos selectivos para o acceso á condición de persoal funcionario de carreira se leven a cabo mediante o sistema de oposición. A tales efectos na negociación realizada para a aprobación da oferta correspondente a 2010, púxose de manifesto que os procesos selectivos que fosen convocados en aplicación do seguinte decreto de Oferta de Emprego Público, realizaríanse mediante o sistema de oposición, como así ocorreu nas Ofertas de Emprego Público de 2013, 2015 e 2016. Considerando que a Oferta de Emprego Público é un instrumento de incorporación de novo persoal á Administración, enténdese que se debe garantir a debida conexión entre o tipo de probas a superar e a adecuación ao desempeño das tarefas dos postos de traballo convocados. Todo iso xustifica que de conformidade co previsto no artigo 61, apartado 2 e 6, do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Emprego Público, o sistema selectivo das persoas aspirantes sexa o de oposición".

En canto aos procesos de estabilización, desde o Executivo andaluz afirman que, neste caso, "o sistema selectivo será concurso-oposición dadas as características destes procesos de emprego temporal, nos que se establece que existirá unha fase de concurso que prime a valoración da experiencia".

O criterio do Goberno de Andalucía vén referendado tamén pola propia Administración Xeral do Estado, que a través da súa Dirección Xeral de Función Pública, confirmou a súa concienciación neste eido, asegurando a existencia de convocatorias independentes para ámbolos procesos.

Pero non só Madrid, Andalucía ou a propia Administración Xeral do Estado comparten a opinión de In.fórmate en canto ao abuso que a Xunta fai do concurso-oposición. A Comisión para a reforma do emprego público da Comunidade Valenciana elaborou un informe no que sinala que "en canto aos criterios de prelación entre o tres sistemas de selección ao uso, non é razoable que a gran maioría dos procesos de selección de persoal teñan por único obxecto consolidar o emprego temporal privilexiando o acceso aos empregados públicos en precario mediante concursos-oposición".

Por que entón esta diferenza de criterios entre Administracións Públicas, algunhas delas gobernadas polo Partido Popular como no caso de Galicia e cos mesmos axentes sociais, CCOO, UXT e CSIF asinando nas mesas de negociación?

Os representantes políticos tanto do Goberno como da oposición, como os representantes sindicais de CCOO, UXT, CSIF e CIG, deberían saber que nas recentes probas de Xestión, Administrativo e Auxiliares Administrativos das OEPs 2018 e 2019 dos Corpos Xerais do Estado máis de 1.000 galegos van obter praza como funcionarios de carreira e o seu primeiro destino será fóra de Galicia. Isto implicará que unha gran maioría non volva, xa que farán a súa vida laboral e familiar noutras comunidades autónomas.

Cre a Consellería de Facenda, que convocatorias que resultan pouco atractivas para que os mozos galegos se presente a elas, teñen algunha vantaxe para o conxunto da sociedade galega? Desde Infórmate cremos que non. Por iso, avogamos nun plano máis xeral, por garantir os dereitos dos nosos aspirantes, e reclamamos que exista unha coherencia entre os diferentes procesos selectivos e o seu contido para asegurar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica, que deben de rexer o acceso á función pública.

Converter todos os procesos selectivos en concurso-oposición, o que está conseguindo de facto é que as prazas de acceso libre se transformen en prazas de consolidación, o que supón unha perversión do espírito das Ofertas de Emprego Público, xa que nas mesmas sepáranse claramente unhas das outras.

Así, consideramos que a exclusión de materias, até agora fundamentais, como contratos do sector público no corpo auxiliar, que incluíu, no último exame celebrado o 13 de abril de 2019, até 15 preguntas desta materia (un 18,5% do total), non obedecen a razóns fundadas e provocan unha incerteza innecesaria a todos aqueles que dedican o seu tempo e esforzo ao ámbito da función pública. Firmeza e certeza, doutra banda, que si recoñece a Administración do Estado, que vén de informar que os cambios que se aborden no relativo á realización dos procesos e os seus programas publicaranse cunha antelación mínima dun ano.

Conclusións

Polo anteriormente exposto, SOLICITAMOS:

- Que a Xunta de Galicia convoque dous procesos separados e independentes para dar cabida tanto á estabilización (sistema de concurso-oposición) como á quenda libre xeral (sistema de oposición), amparando así, aos diferentes colectivos que pretenden acceder á función pública.

- Que a Xunta de Galicia siga a liña marcada en anteriores convocatorias no relativo aos programas dos procesos selectivos, garantindo así, a debida seguridade xurídica dos opositores.