23 de noviembre de 2019
23.11.2019
La Opinión de A Coruña
si home si

Parvos

22.11.2019 | 23:32
Parvos

Hai unha cuestión que me ten preocupado moitas veces, de forma recorrente. En esencia vén sendo: por que nos toman por parvos? Unha sensación que, segundo o día e o ánimo, supoño, e dependendo tamén da causa que a motiva, adopta moitos matices. En que momento se deron conta de que nos podían tomar por parvos? Ou déronse conta de que realmente eramos parvos, e polo tanto había barra libre? Actúan como se todos fósemos igual de parvos ou fan unha media? Non é que ande roendo niso todo o día, pero recoñezo que son poucos os días en que o mundo exterior non me esperta esa sensación.

A última creo que foi cando anunciaron que o Estado español só recuperará a quinta parte, sendo optimistas, dos 65.000 millóns e moito pico de euros que meteu para tapar os buracos do sistema financeiro naquel rescate que non lle ía custar un can á cidadanía, que dixera Mariano Rajoy. Eu ignoro case todo sobre o sistema financeiro, quitado que os bancos teñen beneficios e reparten dividendos, e como di a economía familiar que recomendaba o mesmo Rajoy, hai que pagar o que se debe antes de andar gastando. E que ademais de beneficios, teñen vivendas e unha serie de bens cos que poderían ir reducindo o pufo. Conclúo que neste caso tomáronos por idiotas cando dixeron aquilo que non nos ía custar nada, e comprobaron que o eramos cando vimos que nos tocou a máis de mil euros por cabeza, e non pasaba nin vai pasar nada.

Tamén se comproba que distinguen ben cando teñen parvos diante, e aquí hai moitos, porque nos Estados Unidos os bancos intervidos devolveron todo, en Irlanda igual e mesmo o Estado é socio do banco principal, e o Reino Unido só tivo perdas pequenas. O que non sei é se nos consideran idiotas a todos por igual, ou non e fan a media, porque hai moitos que lle botan a culpa do que pasou unicamente aos sindicalistas e aos políticos do partido contrario (cando se di "os políticos" son sempre os do partido contrario), como se ese sistema de tornar os cartos hoxe para min, mañá para ti, aínda vixente e con moita saúde, non o construíran entre todos. Con tanta xente así, para que saia a media de parvo está claro que debe haber moitos outros máis espelidos.

Tamén me preocupa se agora somos máis ou menos parvos ca antes. Que a xente de antes, quero dicir. Porque antes, se un militar con tantas estrelas como as rúas de Vigo en Nadal dicía que o presidente vixente no país non valía, que a partir de agora mandaba el ou quen el dixera, e argumentábao con tanques e pegando tiros a quen llo discutira, presidente anterior incluído, estaba claro que era un golpe de estado. Había quen se alegraba e quen non, pero uns e outros tiñan claro o que pasaba. Agora todo é máis complicado, non sei se porque nos toman por parvos ou porque o somos. Golpe de estado é ou non segundo o certifiquen os titulares dos medios importantes (ou que berran máis). Por exemplo, en Cataluña houbo un golpe de estado consistente en que un parlamento acordou unha cousa e desacordouna ao momento, e uns señores montaron nun coche (enriba, non dentro). Pola contra, en Bolivia, aproveitando un informe da OEA sobre as eleccións sacado de El Rincón del Vago, o xefe do exército dille ao presidente que máis vale que abandone o país e unha señora que parece escapada dunha mesa petitoria dos anos 50 proclámase presidenta polo mesmo método que usou Hitler a pesar de non ter a maioría do parlamento: meter medo ou presos aos que lle podían votar en contra.

(Nótese que non desboto que o parvo sexa eu).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook