30 de noviembre de 2019
30.11.2019
Si home si

'His way'

30.11.2019 | 00:09
'His way'

E agora, o fin está cerca / e así me enfronto ao último pano / Meu, direino sen dar voltas / falarei do meu caso / e falarei certo. / Vivín una vida plena / viaxei por todas e cada una das pistas / e aínda moito máis / fíxeno ao meu xeito". My way é unha canción de despedida da vida á que lle puxo letra Paul Anka (desculpen o trapalleiro da tradución), con centos de versións, e que Frank Sinatra converteu en todo un símbolo cultural. Sinatra cantouna por última vez en Europa na Coruña en 1992, seis anos antes de morrer. O Coliseum, de estrea, non estaba nin medio cheo. Lembro entre os devotos a Pedro Piqueras, que fixera unha manobra de mérito para conseguir presentar o TD1 dese día e volver a Madrid a tempo para presentar o día seguinte. E por suposto, a Nonito. Creo que medio concerto o vimos ao seu xeito, desde a barra do bar. Na primeira fila calquera actuación engancha. Só as de mérito aguantan véndoas desde o bochinche.

Como el quería, a Nonito Pereira Revuelta despedírono esta semana os seus co My Way. Como o quería moita xente, e moita dela foron compañeiros seus nos medios, nos escenarios ou tras deles, é escusado facer un repaso por todas as súas andanzas musicais, como promotor ou como degustador, que no seu caso eran o mesmo, aínda que, como dicían Anka/Sinatra, "si, houbo momentos / ben que o sabes / nos que mordín / máis do que podía mastigar". Fixo grandes cousas, e outras quedáronlle a medio facer, pero o máis emocionante é a época nas que as fixo. Agora, unha banda de Monte Alto a medio coñecer pode ter un grupo de seguidores no Xapón que devoran toda canta gravación fagan. Cando a Nonito o atacou o virus da música, o que había nas tendas de discos era La verbena de la Paloma (no apartado de clásica), Jorge Negrete ( world music) e Los indios Tabajara (música ambiental). Unha amiga miña lembra cando de rapaza lle trouxeron uns parentes da Arxentina uns discos de Quilapayún e grupos así, daquela descoñecidos e/ou clandestinos en España. O radar arácnido de Nonito captou o caso e, aínda que non a coñecía de nada, pediullos para gravar (gravar, si, cando aínda non había casetes e había que facelo en gramófonos de bobinas). Nonito e o tamén recente tristemente desaparecido Jaime de Portobello si que puxeron esta país na modernidade, ou mais ben a modernidade neste país.

Nonito tiña anécdotas con toda Coruña e parte do mundo exterior, con famosos en vigor ou que o foron, e usaba esa voz e esa apostura de crooner para contalas. Mesmo cando non lle favorecían, como cando tivo que apear co seu voto ao grupo local, Radio Océano, en detrimento doutro de Vigo na final do Concurso de Rock Festival de Marbella, e relataba como o público lle chamou de todo. Repaso My Way e brindo por Nonito Pereira cantando con voz de Tom Waits: "Amei, rin e chorei /farteime e tiven a miña parte de fracaso / E agora que as lágrimas ceden /encontro todo aquilo tan entretido, / pensar que fixen todo iso. / E permíteme que cho diga, sen timidez / fíxeno ao meu xeito".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook