O Museo de Pontevedra presenta até febreiro do 2020 unha breve e atraínte exposición baixo o nome, a de Galaicos, un pobo entre dous mundos. Guión expositivo repartido en sete apartados: 1º, Antecedentes: 1500-800 a.C. campesiños e guerreiros da Idade do Bronce final; 2º, 800-400 a.C a Idade do ferro e seus poboados fortificados, os castros; 3º, 400 a.C. 19 a.C., as relacións atlánticas co Mediterráneo; 4º, sc. IV-VI a romanización e a constitución da Gallaecia; 5º, IV- VI sc. a provincia da Gallaecia e a cristianización; 6º, a arqueoloxía.

Tema sempre actual e dalgún xeito xa mostrado: lembraremos no 1981 a exposición itinerante inaugurada no Museo Arqueolóxico de Madrid e logo circulada por Galiza, dedicada a Cántabros, Astures e Galaicos, pobos que finalmente conformarán a Gallaecia e base dun reino cristián medieval. Alforxas que non cumprirían para esta nova viaxe, xa que o mesmo Museo de Pontevedra, igual que o de Lugo, Ourense, A Coruña ou Vigo, na súa parte de protohistoria e romanización explican e presenta materiais sobre eses alicerces da Gallaecia. Asunto ben ilustrado tamén cunha visita aos xacementos de sitio musealizados, como os castros de Viladonga, San Cibrao das Las, o Tegra.... E xa non digamos ao Museo Aqueolóxico de Braga ou de Guimarâes, aos de Briteiros, ao de Tongóbriga en Penafiel, entre moitos outros destas zonas que controlan as ribeiras e pasos dos ríos Ave ou Támega, como en Asturias os do Navia. Asentamentos e artefactos expostos que nos menten en cuestións relativas aos Oestrimnios, ás Kassitérides, illas ricas en estaño e nos celtas...

Será Roma quen identifica, constitúe e reorganiza administrativamente a Gallaecia, confín daquel seu mapamundi, e farao despois de tres longas etapas: sobre o 130 a.C. e despois do asasinato de Viriato a expedición de Décimo Xunio Bruto co paso do río Leteo... Onde se enfronta a tribos indíxenas de nome "kallaikoi", e que darán nome xenérico a todo o territorio. Velaquí o nome de Gallaecia que o sabeotodo do sc. VI, Isidoro de Sevilla, interpreta coa cor branca, mentres que outros relaciónano coa pedra, a que configura a paisaxe, a casa, o altar, a sepultura... A cousa non quedou naquela intrusión, pois polos anos 60 a.C. o mesmo César, dende Gades , seguindo vellas rutas marítimas de fenicios e gregos, refírese ao seu paso por Brigantia e como os habitantes daquela beiramar apampan e se renden ante a novidade das sorprendentes naves romanas... Tampouco a cousa quedaría aí, será seguido da de movementos bélicos, acompañados do establecemento de bases organizativas con delegados de confianza para asentar control continuo e quen isto ordena en beneficio do imperio será Octavio Augusto. A continuación abrirase un período de pacificación e o conseguinte abandono dalgúns recintos castrexos. Entón o territorio da Gallaecia organizarase en tres conventos xurídicos no que se integran aqueles díscolos castrexos, moitos alistados a servir como soldados mercenarios ao exército romano, desprazados ás máis afastadas fronteiras do imperio. Astúrica, Brácara e Lucus, serán os tres focos, a base da Gallaecia, a que logo na alta Idade Media será Suevia, núcleo inicial dun reino cristián, o Reino Galaico Leonés, en reconquista non só fronte ao ameazante islam, senón tamén contra os nórdicos. Situación de inseguridade que, a partir do século VIII obriga a aquela primeira aristocracia a buscar refuxios entre as covas dos montes da asturicense e cántabra. O 19 a.C marca o fin das guerras cántabras nas que os romanos, dende os primeiros momentos da penetración identificaran o país cunha serie de elementos representativos, comezando polo escudo circular que golpeaban no combate, a caetra, motivo que pasa a acuñarse no reverso de moedas, as de cobre, que parece ser se acuñaban en Lucus. Escudo co que se representaba aos guerreiros galaicos, vestidos co sagum ou saia corta, coas virias ou brazaletes, o colar de torques ao pescozo, a espada curva e corta, falcata... E velaí tamén os torque como outro elemento representativo do mundo céltico, galo tamén.

As ansias imperialistas de Roma son as mesmas que as de todos os imperios, de onte e de hoxe: o dominio territorial e polo tanto de canto significan os seus recursos, que daquela eran as minas de estaño, cobre, ferro, ouro e prata, pero tamén algo tan importante como a man de obra, os escravos pras minas, os soldados pra reforzar o exército.

E pese ás ensinanzas do lembrado profesor, Alonso del Real na Universidade de Santiago nos anos do franquismo, que insistía en que nestes confíns os únicos vestixios celtas era o Celta de Vigo e os cigarros Celtas.... a obviar os textos grecolatinos teimudos en diferenciar e denominar aos habitantes destes confíns como célticos ou celtíberos, mesmo que o exército romano se nutría con soldados celtiberorum, velaí a Coors I Celtiberorum, asentada en Cidadela de Curtis, que logo pasará a Iuliobriga, en Reinosa, pobo de costumes que contribuirán a avivar esas diferencias que denotan e describe xeógrafos, cronistas e historiadores da época: así Strabón, insiste en que a maior parte dos Lusitanos chámanse Galaicos, montañeses... Plinio, Silio Itálico, Floro, Lucio Ampleo, Servio Honorato, Dión, Iustino, Claudiano, o Anónimo de Ravena... Orosio... E velaí un libro sempre recomendado para estas argumentacións Galicia nos textos clásicos (1988), necesario de reedición, obra da autoría de Ana M. Romero Masiá e do lembrado Xosé Manuel Pose Mesura. Velaí tamén as tabulas ou pactos, en bronce, aparecidas no Castro de Cido no Courel ou no Castromao de Celanova, con nomes de tribos indíxenas... A columna do Ponte de Chaves referenciando os grupos étnicos, xentilidades familiares, clans, tribos, populi... E, sobre todo, esa estela funeraria do Museo de Lugo, datada no sc. I, aparecida en Crecente preto da capital, na que un tal Ambulo lembra a súa filla Apana e identificase como celta dos supertamaricos e do castro de Miobre.... Entre o universo de estelas que expresan os desexos posmortem, a relixiosidade, esa idea que vai de caos ao cosmos, con asceses por medio, onde nos facemos e gastamos, pra finalmente confundirnos co cosmos, representado por rosáceas, círculos, triskeles.. motivos orientais que perden raiceiras no mundo indoeuropeo, baixo o que tamén se fanatizou pra marcar desigualdades entre pobos e xente.

Canto dicimos pra remarcar diferencias para estes confíns xa está tratado dende Murguía, pasando por Risco, Cuevillas e por todo un movemento coas súas doses de celtofilia ou de celtofobia, e que non quedará unicamente na protohistoria ou na Antigüidade, senón que se falará de Cultura céltica, espallada a través de festivais, música, danzas, cervexa e sidra por medio. Sen negar na cultura destes confíns atlánticos a forte incidencia da romanización e da cristianización, as que tampouco puideron cos substratos panteístas, orientais, avivados polo priscilianismo, a interrelación paisaxe-paisanaxe, o saudosimo, a dialéctica Caos-Cosmos, vida-morte, que o amarantino Teixeira de Pascoâes, espallaba como distinción.

Queremos saber de onde vimos pra trazar camiños de futuro e iso é o que se fai en museos, en libros e virtualidades, sen a necesidade de mover pezas tan delicadas e menos de museos tan próximos, que quedan espidos temporalmente das súas iconas, como a cunca de Leiro en Rianxo ou a diadema do Castro de Elviña, con perigosas e crecentes fisuras na fina lámina de ouro... E xa non digamos esas pesadas esculturas de pedra, sometidas a movementos, ires e vires que chegan a gastalas máis que os anos transcorridos da Historia, as cicatrices quedan.