No fútbol, como na economía, os proxectos a longo prazo que apostan polo talento local e o compromiso cos valores asociados á propia identidade, talvez non ofrezan resultados impresionantes a curto prazo, pero son máis resistentes, duran máis e establecen alianzas e afinidades imposibles para as grandes marcas multinacionais. O xesto do Dépor desta semana -negándolle o Estadio de Riazor, de propiedade municipal, ao Bergantiños para o seu partido de Copa fronte ao Sevilla- vai xusto en sentido contrario á concepción do Deportivo como o que en realidade é e debería aspirar a ser tamén no plano institucional: moito máis que unha SA deportiva, unha comunidade de afectos, un dos grandes símbolos da provincia e de Galicia no seu conxunto.

Os seareiros deste Dépor deprimido debátense hoxe, a maioría, entre a nostalxia selectiva dos vellos tempos de Lendoiro, do pelotazo futbolístico, e desculpen a redundancia, que levaron o clube primeiro á gloria e despois ao borde do colapso financeiro, e a nostalxia, por parte dunha minoría, dun Dépor que nunca existiu: un equipo á donostiarra no que talento local é complementado con xogadores de fóra unicamente en caso de necesidade. Unha facción aínda máis reducida soñamos cun Dépor á biscaíña, pero iso probablemente sexa xa un exceso de etnicismo nesta era de Globalización, Lei Bosman e fútbol máis sometido que nunca á lei de acumulación do Capital, é dicir, ao duopolio Madrid-Barça.

Estoutro Dépor, o que nunca existiu, ten agora a oportunidade de facelo forzado polos feitos, cando a crise ameaza con converter un clube que nunca quixo ser de canteira noutro no que a canteira pase a ser o seu primeiro equipo. A transformación é complexa, alén da aparición esporádica de talentos extraordinarios como foron Luís Suárez, Amancio ou Fran, a formación de deportistas de elite esixe investimento, estratexia e planificación a longo prazo. Esixe instalacións adaptadas a todas as categorías, residencias para a rapazada, formadores de primeiro nivel e unha vizosa rede de informantes. Estilo haino, o do Dépor de Arsenio: balón tocado desde atrás, fútbol combinativo e xogadores máis hábiles que potentes, máis astutos que agresivos, é dicir, o xogo que fai agora mesmo o equipo feminino.

Esta alternativa sería, a medio prazo, moi superior en rendementos tanxibles e intanxibles ao actual programa de economía de subsistencia a base de cesións transitorias, retiros dourados e oficinistas arrogantes que non promete máis que un longo esmorecemento. Pero a transición dun modelo desarrollista e explosivo, aínda que en crise, a outro de desenvolvemento endóxeno e sustentable a longo prazo tamén ten o seu custe. Esixe un amplo pacto social para afrontar a inevitable travesía do deserto. Esixe saber que pasarán anos antes de que aprendamos a confiar en xogadores que levan o noso mesmo apelido, antes de decantar novamente un estilo, o de Arsenio, que debe ser o noso canon.