O mundo ten postos os seus ollos, as súas orellas e as súas esperanzas na XXV Conferencia das Partes da Convención Marco de Cambio Climático da ONU, COP25. Polo menos a parte máis consciente do mundo. A menos consciente abre os ollos e orienta as orellas porque alí foi Gretha Thunberg, unha das poucas rapazas famosas que non o é por ser cantante, influencer ou actriz, senón polas súas ideas. Eu esperanzas non teño demasiadas, quizais porque no que se fixan os meus ollos e as miñas orellas é no espectáculo de cinismo que destila todo por parte de quen ten nas súas mans amañalo. Porque os científicos máis ou menos xa fixeron o seu traballo analizando en que punto do cambio climático estamos, por que chegamos ata aí, e que temos que facer para zafar do previsible resultado que imos ter se seguimos así. Son os encargados de xestionar as cousas, os gobernantes, que teñen que poñer as medidas para endereitar ese camiño torto que seguimos ata aquí. E non lles vexo moito xeito.

O primeiro motivo para desconfiar foi ver ao alcalde de Madrid, vestido como de ciclista „de ecociclista„ no medio dun grupo similar. Teño todo contra os políticos que se disfrazan. De feito aínda non me recuperei da foto, nunhas eleccións que coincidiron co San Isidro, ou co 2 de maio, creo que nas de 2007, dos entón candidatos socialistas nas municipais e rexionais, Rafael Simancas e Miguel Sebastián, vestidos como se fosen actuar en La verbena de la Paloma. Pero o disfrace non era unicamente de vestimenta. Centrar a túa campaña electoral en anular a medida de restrinxir o acceso de coches ao centro de Madrid, e preferir salvar Notre Dame a Amazonía son dúas opcións lexítimas, discutibles e desde logo incompatibles con proclamarse un esforzado loitador contra o cambio climático. O mesmo caso que o seu colega do norte, Abel Caballero, que despois de iniciar a carreira armentista da luminotecnia navideña con Tokio, New York e Madrid (o único, por certo que lle entrou ao trapo), preséntase agora tamén como o campión da sustentabilidade. Un trillón de luces, por moi led que sexan, gastan menos que un trillón de luces incandescentes, pero gastan. E desde logo, fai ben en felicitarse de que en Vigo se puxera en marcha a depuradora o pasado abril, aínda que fose con catro anos de retraso. Pero segue habendo vertidos, e por esta e outras razóns (como a ría do Burgo), o Parlamento Europeo está estudiando volver condenar a España. Para moitos políticos, chega con superar un catarro para asegurar que teñen unha saúde de ferro.

De todas formas, estas actitudes non son de estrañar. Os gobernantes, como os nenos, fan o que ven na casa. Na dos que mandan. "O deterioro do medio ambiente non é un eslogan, senón unha realidade cada vez máis amarga", non é unha afirmación de ningunha organización ecoloxista. É a frase coa que arrinca a publicidade dunha empresa enerxética moi presente no COP25. Na información „chamémoslle información, ao cabo estannos informando de como van vender a cousa„ aseguran que a empresa "adquiriu compromisos que supoñen un mix de xeración eléctrica totalmente descarbonizado antes de 2050", como se fose cousa súa, e non unha directriz europea. Tamén inclúen dentro da estratexia climática ter obtido un importante crédito verde do Instituto de Crédito Oficial para levantar instalacións renovables (coa mesma lóxica, pedir unha hipoteca para mercar un piso é loitar contra a crise habitacional). As renovables, son ademais, "un método para xerar emprego nas zonas rurais". Serán as novas, porque as que xa puxeron en Galicia non foron precisamente efectivas niso.

No COP25 hai 25.000 representantes de 200 países. Non creo que os nosos sexan os peores, por iso non confío moito nos resultados.