04 de enero de 2020
04.01.2020
si home si

Boicoteemos algo

03.01.2020 | 23:56
Boicoteemos algo

As redes sociais valen para o bo, para o malo e para o depende, como todo (quitado o túnel de Casablanca, que malo non é, pero non sabe para que sirve). Gracias a elas, por exemplo, souben que ese saqueo fiscal que acometerá o novo goberno contra as clases medias que ganan máis de 130.000 euros ao ano, e que tanta protesta levanta entre traballadores autónomos, voluntarios ou obrigados, pequenos empresarios e asalariados que están en contra da medida, supón un incremento de 200 euros ao ano por cada 10.000 que exceda dese límite. Non soamente iso, senón que esas clases medias, ao parecer (e digo ao parecer porque non frecuento eses ámbitos e non son esas as conversas nas que participo cando vou buscar aos nenos a actividades), soportaron xa subas similares dos gobernos de Zapatero e de Rajoy, co bos rapaces que parecían.

Uns contrarios a esa medida argumentan que pode haber xente que, para aforrar darlle eses cartos a Facenda, baixe o pistón e gane algo menos, consuma menos e como consecuencia alguén pode ir ao paro. Outros, que para o que se vai recaudar (o previsto non chega aos 400 millóns de euros), non paga a pena. Uns e outros teñen razón. Os primeiros porque hai moito consumismo e debería haber menos, como todo o mundo sabe. Os segundos porque como só hai 120.000 contribuíntes con salarios anuais superiores a eses 130.000 euros, para que molestalos con trangalladas, en vez de andarlle no peto aos que ganan menos, que deses hai moitos máis. Pode haber quen diga que a medida é sobre todo cosmética, porque afecta ás rendas do traballo, e non ás do capital, que é onde está o gordo. E que mentres as grandes empresas paga un 7,7% de imposto de sociedades, as pequenas pagan un 18,37%. Haberá quen o diga, pero non ten razón, porque se fose ao contrario, e pagaran menos as pequenas, non terían incentivo ningún para facerse grandes, e as grandes preferirían ser pequenas para pagar menos. Igual que tampouco a teñen os que se queixan de que Google ou Amazon non pague impostos en España polas transaccións que aquí fai. Tamén as eléctricas e os outras compañías pagaron sempre onde tiñan a sede social, e non aquí, que era de onde sacaban os cartos, e a todo o mundo lle parecía natural.

En realidade, se discuto da suba do IRPF aos ricos que resulta que non o son, é por rabudez. A min o que me preocupa é o do boicot a Teruel que promoven os que consideran unha traizón que o deputado de Teruel Existe vaia votar a favor da investidura de Pedro Sánchez. Eu quero facer o boicot, pero non sei que podo boicotear. Trufas non consumo, e xamón de Teruel tampouco. Afortunadamente, cando as redes sociais reparaban por fin na existencia de Teruel para mallar no seu representante, o deputado pola Coruña Néstor Rego dixo –quen pensaba!– que o BNG non ía impedir a investidura, ou mesmo que a ía facilitar. Inmediatamente, as redes cumpriron co seu papel e incendiáronse con peticións de boicot a Galicia, e aí si que non hai fallo. Podo boicotear unha chea de cousas. Por exemplo, o deste xantar foi o derradeiro ribeira sacra que trasfego. Este xa non me dá tempo, pero sábado que vén isto vouno facer en castelán. E mesmo lle teño que preguntar a Reixa onde era aquela clínica na que te operaban de galego, e a canto saía o corpo enteiro, ou polo menos as ingles completas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook