Onte soubemos do caso dun mozo de 27 anos que foi detido en Madrid acusado de facerse pasar polo director da Fundación Amancio Ortega para conseguir traballo ou patrocinios. Os delitos dos que se lle acusa son estafa, falsidade documental e usurpación de estado civil (que, contra o que pode parecer, non é dicir que estás solteiro estando casado, senón apropiarse dunha identidade allea).

Teño que recoñecer que de todos os tipos de delincuentes, os que mellor me caen son os timadores naqueles casos nos que se aproveitan da cobiza allea. No timo da estampita, ou no do tocomocho por exemplo, para min hai dous delincuentes: un que ten éxito ao venderlle ao outro uns recortes de periódico como se fosen billetes, ou un décimo de lotería premiado, e outro que fracasa en enganar a un teórico tonto dándolle unha cantidade de cartos a cambio do que cre que é unha fortuna. Curiosamente, a lei só considera delito o primeiro e non o segundo, aínda que sexa en grao de tentativa. Non sei se aínda quedan timadores dos de antes. Agora a maioría dos timos son a base de tecla, en internet, co que os cartos pérdelos igual, pero por riba quedas sen a actuación do artista.

O caso do vigués Javier Boo Fernández, o detido por suplantar ao director da Fundación Amancio Ortega, entronca con esa tradición de enganar a base de pico, e é semellante á dese gran simulador coñecido como o Pequeño Nicolás. Boo, presentándose como o responsable da Fundación e usando o seu logotipo, enviou emails a unha chea de sociedades e institucións (Abanca, Citygroup, Credit Suisse, Self Bank, BNP, Rothschild, entre as financeiras) para recomendar a un sobriño apelidado falsamente Ortega -el- e mesmo conseguiu algunha entrevista de traballo. Despois dedicouse a contactar con firmas automobilísticas e de artigos de luxo para pedirlle patrocinios ou usar os seus vehículos. Como era de prever, espertou sospeitas tanto entre os suplantados como entre os destinatarios das peticións.

O curioso de Javier Boo, como pode comprobar calquera en Google, é que non é tanto un presunto timador como un declarado fantasma. En 2013, en calidade de militante do PP, púxose en contacto cun blog político para mostrar a súa opinión sobre os escándalos - Gürtel, Bárcenas, etc.- que afectaban ao seu partido. Estaba en contra: "Es una auténtica vergüenza y el enfado mayúsculo, siendo pertinente una explicación, si no las dimisiones empezarán a ser constantes. Somos ciudadanos y la base de la convivencia y la honestidad se basan en esto, demos ejemplo antes de que sea tarde".

Pero tamén aparecía na prensa -rizo jerezano, polo azul- como promotor de que se celebrase en Vigo o V Foro del Joven Parlamento Europeo, que contaba co apoio institucional do vicepresidente Alfonso Rueda e o Concello vigués, entre outros. "Una iniciativa muy potente que situará a Vigo en el mapa', destaca este experto en finanzas que trabaja en Boston Consulting Group y en un proyecto con el Banco Central Europeo", aseguraba a información. Boo tamén aparecía o ano pasado nos medios como "un experto que participa en un informe sobre la revolución digital en el que colaboran Boston Consulting, la Nasa o Space X", e como tal aseguraba: "Más de la mitad de los empleos en Vigo son automatizables, pero hay que hacer de ello una oportunidad".

Este 31 de xaneiro cúmprese o segundo centenario do nacemento de Concepción Arenal, a ferrolá que dixo "odia o delito, compadece ao delincuente". No caso de Javier Boo, os xuíces establecerán se hai moito ou pouco delito que odiar, pero tampouco creo que haxa moito nin pouco que compadecer ao presunto delincuente. Seguro que, con esas aptitudes, chegará moi lonxe.