En 1957, ante o aillamente internacional do réxime e a ameaza de colapso económico, aquel tirano pragmático e cobizoso que foi Franco decidiu dar un golpe de leme no seo do partido único, o Movemento Nacional, outorgándolle a dirección da política económica do goberno a tres ministros do Opus Dei encabezados por López Rodó, os chamados tecnócratas. Esta trama, trastornados os nomes e as datas, retrataraa anos máis tarde, no 78 xa, Berlanga con minucioso realismo, n' A escopeta nacional: outro cambio idéntico de gabinete no que a substitución do ministro de Industria e camisa vella falanxista, interpretado por Antonio Ferrandis, por un tecnócrata do Opus, estrágalle para sempre a Sazatornil o negocio da venda de porteiros automáticos.

Os regos da dereita española, por conservar a imaxe do mestre Juliana, levan labrando este país por xunto desde hai décadas pero non son, nin moito menos, da mesma xugada. A operación Fraga consistiu precisamente en unificar de novo en Alianza Popular o que estivera unido, malia ao veto a Juan de Borbón e Gil Robles, no Movimiento Nacional durante o Franquismo: falanxistas, monárquicos, carlistas, as diversas faccións católicas, liberais... toda a dereita española en fin. Unha unión que se vai mantendo incólume deica a sentenza do caso Gürtel e a posterior moción de censura, punto final do goberno Rajoy e de moitas outras cousas na historia recente do Estado español.

Agora as dereitas volven estar separadas: regresan as vellas liortas entre camisas vellas e camisas novas, os retos, os as ameazas, as teimas, a gramática parda desa densa masculinidade española que se sinte cada vez máis ameazada polas arelas de liberdade das mulleres e das nacións que antes lles pertencían pola graza de Deus. Pero, malia ás diferenzas de liñaxe ou de igrexa, sempre dentro da ortodoxia vaticana, por suposto, as dereitas hispánicas conservan un mesmo obxectivo sagrado: a conquista dun estado que din desprezar pero pretenden explotar en exclusiva, aínda que só sexa para depuralo, como di Abascal en suprema operación de cinismo:

-Eu, que me beneficiei durante tantos anos do largo soldo dunha fundación pública sen obxecto coñecido, precisamente por iso vos digo, camaradas, que estou completamente en contra do moderno estado de dereito español e dos seus requintados goces e perversións.

O bo da confesión é que che permite volver pecar sen mala conciencia, dixo o sabio.

Feijóo quere mirar para outro lado. El non quere unha campaña quente, unha campaña coa esquerda mobilizada, alporizada ante o profundo cheiro a machismo rancio e agresividade histérica que emite a bancada dereita do parlamento español nestes momentos. El precisa amainar esa esquerda multitudinaria e feminista e por iso lle fai aloumiños cada día, para que quede na casa. Chega mesmo a declararse progresista, en palabras do seu voceiro municipal na Coruña. Esta operación de maquillaxe centro-galeguista baséase na convicción de que non teñen nada que temer pola súa dereita, de que non hai espazo social, votos abondos para Vox no país. Xa veremos se lle saen ben a camuflaxe e as contas.