A tendencia en escándalos políticos, polo menos nesta semana, é o nomeamento dunha exministra, Dolores Delgado, como Fiscal Xeral do Estado. Parecer ser que, aquel home que apuntou hai unha chea de anos o conveniente que era a separación de poderes, Charles Louis de Secondat, señor da Brède e barón de Montesquieu, ten que estar moi cabreado. Eu creo que debe estar afeito ás afrentas hispanas desde que Alfonso Guerra anunciara, ao comezo da Transición, que o tal Montesquieu morrera. E independentemente do que opine ou deixe de opinar monsieur de Secondat, hai que ter moita confianza en si mesmo e máis aínda na desmemoria dos demais para que un político dos dous grandes partidos tradicionais en España critique a politización da Xustiza. Sobre todo, doutrina Alfonso Guerra aparte, o PP, que menos sabotarlle os freos do coche a algúns xuíces, fixo todo tipo de manobras para que os seus casos de corrupción caeran en mans amigas. Ou que centralizou, na etapa de Gallardón, o Consello General del Poder Judicial (CGPJ) para darlle o poder absoluto a alguén que foi dúas veces director xeral con Aznar (e habitual cursillista da FAES), o actual presidente, Carlos Lesmes. A actual composición do CGPJ decidiuse nas Cortes de 2013, e tiña vixencia ata decembro de 2018. Desde entón, pese a estar en funcións, escolleu medio cento de xuíces, entre eles unha ducia do Supremo. Falar de independencia xudicial nesas instancias, por calquera dos grandes partidos, ten a mesma credibilidade que Sergio Ramos facendo un chamamento ao xogo limpo.

Ou que Ana Botín, presidenta do Banco Santander, viaxando ata Groenlandia no programa de Calleja que copou todas as canles de Mediaset para ofrecer a imaxe de que unha banqueira tamén pode ser unha muller preocupada polo futuro do planeta. Non poño en cuestión que persoalmente non o sexa, pero a campaña de imaxe estragoulla o seu tío Jaime. Si, aquel que xa fora condenado, coa familia, a unha sanción de 200 millóns por evasión de capitais, e a 300.000 euros de multa por ocultar en Suíza accións do Bankinter, o banco que presidía. Jaime Botín vén de ser condenado a 18 meses de prisión e 52 millóns de euros por tentar sacar de España, para vendelo un cadro de Picasso que segundo a Audiencia Nacional era patrimonio ídem. Atopárono no iate do banqueiro cando se dirixía a Córsega. Non sei se noutro país é normal unha relación tan estreita entre banqueiros e banquillos. O patriarca, Emilio Botín, xa deu nome a unha doutrina xudicial, a doutrina Botín, que lle permitiu zafar da acusacion de non pagar as retencións a Facenda duns 2.500 millóns de euros. Afortunadamente, a Jaime quédanlle un par de instancias onde presentar recurso. Nunha ocasión anterior anularon un xuízo porque o Ministerio de Economía tardou en tramitar a denuncia que fixera a Comisión do Mercado de Valores. Demostrando que non hai rencor, Jaime Botin ofreceulle á que era avogada do Estado Xefe no Ministerio de Economía o posto de secretaria xeral de Bankinter.

Sinceramente, para atopar entre o que traen os titulares nestes tempos algunha decisión xusta, e que repare agravios pasados, poucas hai máis que a de facer a Arsenio Iglesias fillo adoptivo da Coruña.