Chega o tempo de apagar as luces e quitar os adornos do Nadal, máis nesa ansia de prolongar a festa florida insistíase que "até o San Antón Pascuas son". Seguirá entón no almanaque católico a festa da Candeloria, da luz e das candeas, celebrando o retorno dos paxariños e de máis luz no día. De seguida chegará a parte profana, as máscaras, as músicas, os sermóns e gastronomías do Entroido.

Non están os tempos pra santorais relixiosos, máis ben pra celebración de "días" e "actos" en relación cos dereitos humanos e a conservación da natureza, entre outras. Pese a todo nos países célticos e entre eles a Bretaña e Galiza, resiste un ancestral panteísmo, terras sacro-profanas, de venerados santos entronizados en altares. Imaxes representadas con inxenuidade e bonhomía, barbados e asociados con animais e plantas do común. Mesmo capaces de facer cabaleiro -arremedando ao cabaleiro Arturo de Camelot- a un apóstolo pescador: pois velaí a Santiago escarranchado sobre un faco branco, como equilibrista circense, brandido polo alto unha espada e asoballando a canto infiel se lle poña por diante.

Masculinos os máis destes santos, quizais por que a domesticación, iso de enfrontarse ás bestas bravas do monte era cuestión encomendada a homes, aínda que mulleres ermitáns, retiradas dos vicios do mundo, tamén as houbo e de sona, como santa María Exipcíaca: o San Froilán co lobo, o San Mamede co cervo, San Ero co paxariño, o San Bieito co corvo, San Roque co seu can, San Isidro coa xugada de bois... e como non, o San Antón Abade co seu porquiño. Santo este de moita devoción na Galiza, competindo co San Roque ou co San Lázaro, os que tiveron encomendados espazos de atención aos enfermos contaxiosos, hospitais ou lazaretos.

Na cidade de Mondoñedo, seminario de bonhomía raiana coa dos santos e bruxos, que garda tantas esencias galegas, cando se asenta o outono, cada 18 de outubro, celebran ao evanxelista San Lucas, representado entre os tetramorfos cun touro, día pra convocar concorrida feira cabalar e de gando, as bestas bravas do monte domesticadas.

Mesmo boa parte dos santos doutores, "santos padres" da igrexa, representaranse convindo en covas, con animais feros domesticados. Velaí ao San Xerome cun león, tradición que seguirá o San Francisco, pacificador de animais do común, o lobo, os paxaros ou os peixes.

O que nos trae hoxe aquí e polo tempo que lle aquece, celebrado cada 17 de xaneiro, é o San Antón Abade, o que noutrora festexábase con fogueiras, as que mesmo comparte co San Sebastián. Imaxe do Santo Antón, noutrora común nos altares galegos, agora nos anticuarios e xa suplantado por outras modernas e comenenciudas advocacións para peticións expréss. San Antón Abade ponse como o fundador do movemento eremítico, vexetariano, curandeiro de xabaríns... e hoxe tería moito que facer neste país inzado de lixo e greas de porcos teixos tras dil.

Pra entrar neses contos de vidas que se din unxidas da gracia de Deus, autores de milagres e maxias, santos e santos da Corte Celestial, de historias coas que se enreda a lenda e o maxín de cada tempo e lugar, compre remitirse ás haxiografías, aos Flos Sanctorum, libros sobre as vidas da florinata dos santos. Recomendando entre eles o da autoría do viaxeiro xesuíta toledano e de avoa materna galega, Pedro de Ribadeneyra (1790). Obra estruturada seguindo o santoral dende o comezo ao final do ano, contando o que escoitou, leu e indagou do santo de cada día. Vellos temas sempre retomados, cargados de deliciosa fantasía, entre escabrosas tentacións de anxos malos disfrazados de todo e o aliviador auxilio de anxos bos. Temas que inspirará a grandes pintores flamencos, ao Bosco , a Durero e mesmo na contemporaneidade a Dalí ou ao noso Lugrís. Curiosidades literariamente moi socorridas por Cunqueiro ou por Carlos Casares, proba de que iso de pasar polo Seminario e polas súas ilusións, fantasías e esperanzas relixiosas deixa pegada. Saberes aos que habería que sumar a gracia e a inxenuidade dos textos e oracións de novenas escritas por párrocos afervoados ou por enxeñosos sabios locais. Bibliografía que non faltaba en reitorais ou sancristías e agora moi solicitadas nas librerías de vello.

Vidas de santos que no século XIII recolle e espalla o xenovés Santiago de Vorágine na súa Lenda Dourada, inspirándose a un tempo no que sobre san Antón contan Atanasio e Xerónimo: "Padre, guía, mestre de monxes e servos de deus que floreceron nos desertos de Exipto e da súa Tebaida", eremitas que foron reconvertendo os vellos cultos pagáns en cristiáns. Ricos propietarios moitos deles que deixaban as súas pertenzas e a urbe pra darlle todo aos pobres e pasar a vivir retirados no deserto, en covas ou en antigos hipoxeos, atendendo a cemiterios, domesticando animaliños do monte e convivindo entre eles, labrando a súa horta e analizando as propiedades das plantas, gardando vellos saberes e orientando aos camiñantes, homiños ebrios de Deus.

San Antón era exipcio de nacemento, viviu unha longa vida patriarcal, pasando o centenario, dende a metade do século III, aspecto que denota a iconografía: coas súas longas barbas e engurras, de saial escuro, cuberto de pucha, apoiado no seu caxato alto e de tau, con lembranzas ao símbolo faraónico do ank, lazo da vida e chave de misterios. Contan aquelas crónicas que era atendido por uns corvos que lle traían o pan, algo común entre os anacoretas, pero que mesmo domesticaba leóns... e, como non, curandeiro da cegueira deses porquiños bravos que pasarán a acompañalo na súa imaxe. Fraco, velliño, sumido, tentado polas mil e unha facianas do Demo ofrecéndolle todos os vicios e de todas as formas, reconfortado tamén polos anxos bos. E como escenario das súas andanzas o mítico monte Tebas en Lúxor, sobre as tumbas do Val dos Reis e o templo de Hatshepsut, logo despois escollerá un outeiro con vistas ao Mar Roxo. Cóntase que, finalmente, aureolado da mellor sona, vaise a predicar a unha Alexandría que era foro de herexías, entre elas o imperante arriarismo.

Morto, as reliquias do santo paseáronse polos camiños da cristiandade, de Alexandría a Constantinopla e dende esta a Francia, a Viennois, no Ródano, preto de Lión... e nos relicarios das mellores catedrais non faltará un hosiño, un cabelo, un anaco de saial ou do báculo do santo exipcio. Historia interminable, na que cada cal está autorizado a por a súa creatividade.

Santo moi socorrido nos camiños de Santiago, celebrado en Castrojeriz, Burgos, en Sarria, en Portomarín... onde están documentados hospitais baixo a súa advocación. Santo do que naceu a orde dos hospitalarios ou antoninianos, dedicados a tender enfermidades con risco de contaxio, especialistas no ergotismo, coñecido como "fogo de San Antón", andazo común entre navegantes mal alimentados, por iso a dedicación de lazaretos, como o vigués en Rande de San Simón e San Antón ou o coruñés de San Antón, ambos primeiro capela e logo prisións que embretemarán en tristura o nome do Santo. O pintor pontevedrés Xosé Sesto, alumno de Castelao e amigo de Bóveda, pintou pra a capela de San Antón da Coruña, a finais dos oitenta, dous murais, un deles dedicado a San Antón e aos seus anacronismos.

Era costume entre os antoninianos soltar polas zonas inmediatas aos seus hospitais porcos que despois de criados pola xente serían sacrificados pra alimentar aos enfermos, bendito touciño... Aínda en Espasante de Ortigueira cada festividade do San Antón sacase en poxa o querido porquiño, o que con campaíña se paseou de porta en porta... todos choran a súa despedida, pero axiña virá unha cría nova que repetirá a tradición anual. Día no que por algures, quedará algún frade ou párroco que teña función pra bendicir aos animaliños caseiros que lle leven, esas mascotas que dicimos hoxe, festa ecolóxica e novo entroido animal.