O mellor goberno é o que menos se nota" a frase é de Henry David Thoreau, o autor do manifesto A desobediencia civil, texto canónico dun individualismo libertario que no seu momento pretendía combater os excesos autoritarios dun Estado, o norteamericano, en pleno proceso de expansión imperialista a costa do veciño do sur, México, ao que lle acababan de anexionar Texas. A tradición individualista tivo, pois, na súa orixe un sentido antiautoritario, de defensa dos dereitos e liberdades individuais fronte aos excesos dun Estado ao que consideraba sucesor directo da monarquía absoluta.

A tradición estatalista provén da outra gran póla do pensamento político europeo do século XVIII, o da Ilustración francesa posto en práctica mediante a Revolución medio século máis tarde. O estado xacobino, fortemente centralista e homoxeneizador, concibíase a si mesmo como algo máis que o garda público da propiedade privada, único rol que lle concedían os utilitaristas ingleses, senón tamén como o garante dunha serie de dereitos considerados universais: fin dos privilexios, instrución pública, separación Igrexa-Estado, etc. Na longa guerra civil española do século XIX, o fracaso do bando liberal/afrancesado está no cerne, ironicamente, do fracaso do proxecto de Estado español no seu conxunto.

Desgrazadamente, a desobediencia da dereita española de hoxe, apelando ás liberdades individuais ante certos contidos e programas da educación pública que consideran ideolóxicos „combate ao machismo, respecto ás diversidades sexuais e afectivas, etc.„ non teñen ningún sentido libertario: o que lles amola é que o Estado promocione precisamente eses valores en concreto a través da educación pública e non outros que eles preferirían, moi semellantes aos contidos no Catecismo. O seu credo, tamén ideolóxico, revístese, a posteriori, de defensa das liberdades individuais, un argumentario, por certo, novo e importado dos Estados Unidos onde si existe unha tradición individualista libertaria que poden empregar os republicanos, torticeiramente, para os seus fins. A tradición da dereita española, o autoritarismo nacional-católico, xenialmente descrita por Castelao como imperialismo fracasado, desconfiaba do liberalismo ata hai dous días como cousa propia de forasteiros e protestantes do norte, xente impía e renegada. O cal era historicamente verídico.

En Galicia o discurso da libre elección serviulle a Feijóo para lexitimar a súa campaña contra a cativa presenza do galego na escola contida na Lei de Normalización Lingüística de Fraga do 83, nas eleccións de 2009, que foi substituída polo Decreto de Plurilingüismo de 2010. A libre elección dos pais galegofalantes a reclamaren unha maior protección do galego no ensino non foi consultada en ningún momento: eles eran cómplices da imposición e non tiñan, por tanto, dereito a reclamaren o seu dereito. Os resultados do Decreto á vista están e son denunciados mesmo polo Consello de Europa: a desaparición acelerada do uso do galego nas xeracións máis novas. En nome das liberdades individuais e da libre elección pódese amparar, como vemos, a desaparición dun pobo. Outros pensamos, con Thoreau, que hai valores superiores á vontade dos pais ou a ruindade do gobernante de quenda, como a igualdade e o respecto á diversidade cultural, racial e afectiva.