A ti non sei que che ensinan no colexio". Debe haber poucas persoas que non escoitaron de nenos ou non dixeron de maiores esta frase, ou variantes. Sendo sinceros, a relación clásica entre as nais e o profesorado (e digo nais non por linguaxe inclusivo, senón porque son elas as que adoitan asumir ese labor) consistía oficialmente, por parte das nais, en ir solicitar información de como evolucionaba a criatura, é dicir, contrastar a versión que daba na casa a tal criatura ("el profe me tiene manía") ou acudir cando era requirida porque o comportamento da criatura rozaba a cualificación penal ou o cadro depresivo. O pensamento único nas familias, verbalizado ou non, era e é que o ensino obrigatorio está, ademais de para formar academicamente os clientes, para educar a súa personalidade e para adestralos no que antes se chamaba urbanidade. É dicir, que ao chegar a casa, os infantes e infantas, despois de saudar educadamente aos seus maiores, desfilaran silentes cara o seu cuarto a ordenalo, facer os deberes, estudar, ler ou ter calquera distracción sa, acudindo puntual e alegremente cando eran chamados para a merenda ou cea. Por suposto que no profesorado, a consideración maioritaria viña e vén sendo a de que educación lle darán na casa a estes elementos e elementas, ou mesmo que comportamentos verán na casa para ter os que teñen na aula.

Quizais por iso, desde hai un tempo, a unidade de acción que tiñan familia e profesorado resentiuse por completo. As familias -algunhas- compórtanse como se fosen non usuarios/beneficiarios da educación pública, senón clientes. Ou representantes do cliente, que é o alumno (que xa se sabe que ten sempre a razón). Polo tanto, poden escoller colexio, confesión relixiosa que os adoutrine, materias do curso, idioma no que se deben impartir, menú ("a mi niño no le gusta el pescado. ¿Por qué van a obligarlo a comer pescado si a él no le gusta?"). Supoño que, dentro de pouco, tamén se poderán escoller as notas. Dentro desta maneira de entender a escola como un centro de día no que se distrae aos clientes con informacións útiles nalgún caso, e inútiles en moitos outros, a liberdade primeira debería de ser poder decidir se mandar ou non os nenos ao colexio. Algo que é ilegal, mesmo aínda que te comprometas a preparalos na casa e a presentalos "por libre" ás probas que acrediten que acadan os coñecementos establecidos para cada etapa.

A polémica do "pin parental" (estúpida ata na denominación) obedece a esta particular visión da educación á carta. Ou aínda peor: non é que uns pais se opoñan a que a criatura estude matemáticas, porque non pode con elas e total vai herdar o bufete familiar, onde non lle van facer falta ningunha. É que se arrogan o dereito a opoñerse ao que os forma como persoas, vaian ser avogados ou instaladores de pladur. Ben, a verdade é que practicamente non se opón ninguén. Ou polo menos non se teñen noticias de que se presentaran queixas nos consellos escolares ou denuncias na inspección educativa, que son os mostradores onde hai que ir reclamar estas cousas, se efectivamente non se está de acordo co que se di nas aulas. Todo é política, concluirían os nosos avós. E canta razón tiñan! Porque, como dicía Paul Valéry, a política é a arte de evitar que a xente se preocupe do que realmente lle afecta. E non hai nada mellor para iso que fabricar cortinas de fume.