Por volta de 2017, o PIB español situábase xa por riba do nivel acadado antes da Gran Recesión de 2008: 1.161 billóns fronte aos 1.109 billóns de euros de 2008. Pola contra, o peso dos salarios na riqueza estatal en 2017, 503 mil millóns de euros, era ben inferior ao volume das rendas do traballo en 2008, 544 mil millóns de euros. Expresado en termos porcentuais, mentres o PIB medraba case un 5% entre o 2008 e o 2017, os salarios baixaban máis dun 8% no mesmo período. Esta recuperación tan significativa no PIB estatal non foi resultado dunha mellora na competitividade xeral da economía do país froito, por caso, do aforro xerado polo investimento en I+D nos custes de produción -o investimento na modernización da economía contraeuse, de feito, nese período- senón, máis ben, do abaratamento do custe do traballo provocado pola presión á baixa do aumento do paro sobre os salarios, así como polos efectos da desregulación do mercado do traballo derivada do Decreto de reforma laboral do goberno Rajoy de febreiro de 2012.

En definitiva, e por describilo de xeito gráfico, os traballadores e traballadoras do estado recibían no 2017 unha ración moito menor da torta da riqueza estatal que dez anos antes. A diferenza, esa masa salarial "aforrada" durante a crise para producir a mesma riqueza, fora parar ás mans da nova plutocracia multimillonaria xurdida durante a longa recesión, a mesma que acaba de repartir os dividendos, agora privados, dun banco rescatado con diñeiro público como Bankia. Así, fenómenos sociais anteriores ao 2008, como os desprezados mileuristas, son agora o horizonte de esperanza practicamente utópico para case toda unha xeración nova de traballadores enfrontados a un mercado laboral inhóspito. En Galicia, periferia da periferia económica que xa é España respecto dos países centrais, este cadro resulta aínda máis desolador, tal e como puxo de manifesto o Informe FOESSA de Cáritas publicado o ano pasado, cunha cuarta parte da poboación en risco de pobreza.

A suba do SMI, concertada polo goberno cos sindicatos e a patronal a semana pasada, é unha medida que vai mitigar, aínda que non reverter, os efectos producidos tras case 12 anos ininterrompidos de experimento neoliberal a cargo dos chamados tecnócratas do goberno Rajoy. Unha xeira na que España multiplicou os seus rexistros negativos no índice de Gini que mide a desigualdade social con relación aos salarios. A recuperación do convenio colectivo, as limitacións ao despedimento, o aumento da súa compensación e a minoración da temporalidade na contratación deberían ser as seguintes prioridades do goberno neste ámbito, o que equivalería, na práctica, á derrogación do decreto de Reforma laboral de 2012.

Os avances efectivos e os anunciados polo novo goberno en materia social atoparon a resposta previsible por parte dunha dereita española en fase de cruzada: a desviación do debate cara á cuestión xeopolítica, quer interna, a reforma do Código Penal con Cataluña ao fondo; quer exterior, coa oportuna visita do político declarado presidente do país coas maiores reservas mundiais de petróleo polos Estados Unidos.