75 aniversario do Holocausto, da liberación dos campos de concentración nazis polo Exército Vermello, e nova ocupación do territorio palestino por parte do estado israelí. Demasiadas coincidencias. Semella que Occidente tentase expiar a culpa polos pogroms e as cámaras de gas amparando os actuais abusos israelís co pobo palestino. Isto xa o denunciou Günther Grass no seu momento, el que fora cando moi novo membro das xuventudes hitlerianas, reclamaba o seu dereito, a pesar de todo, á defensa da causa palestina. Pero non se pode, non sen pagar un alto prezo a cambio: é un dos grandes consensos da pax americana. Ben debe sabelo Corbyn, que pasou media campaña electoral tentando levantar, sen moito éxito, a acusación de antisemitismo vertida contra el. Finalmente, Gran Bretaña, cando aínda era un imperio „un tempo que agora nos semella afastado pero hai só cen anos que medio mundo lle pertencía ou pagaba tributo„ Gran Bretaña, dicimos, é a instigadora do Tratado de Balfour, o precedente do estado de Israel.

A actuación de Trump en Palestina, unilateral e allea a calquera suxeición ao dereito internacional, deixou en evidencia, unha vez máis, a ese suposto árbitro dos litixios internacionais que é a ONU. Porque hai cousas que poden facer os imperios e os demais non como, por exemplo, executar sen previo xuízo ao xefe do estado maior dun país soberano, e aquí non pasou nada, alén dunha pequena perturbación temporal no prezo do barril de petróleo da que algúns amigos do emperador mesmo sairían gañando. A ONU puxo mala cara, que é o que sempre fai nestes casos, e lembroulle novamente a Israel a media ducia de resolucións que leva violado nos últimos setenta anos máis ou menos.

Porque a verdade é que os imperios teñen razóns que o dereito internacional, e mesmo o sentido universal de xustiza, non poden comprender. A razón do imperio norteamericano chámase big stick policy, a política da vara grande, a que hai que empregar para facer entrar en razón aos países ou xefes de Estado que carecen dunha comprensión profunda e atinada do seu valor e posición no gran taboleiro de xadrez mundial. A frase completa é: "Fala con dozura e leva sempre unha vara grande contigo", e o seu autor, o presidente republicano dos Estados Unidos, Theodore Roosvelt, foi sempre un seguidor entusiasta da Doutrina Monroe, e creador tamén do concepto de real politik, a do dereito da forza sobre a forza do dereito nas relacións internacionais.

Política de vara grande de Trump no Mashrek, Oriente Medio, no aniversario da Shoah, e mentres en Alemaña, Merkel ilegalizaba un grupúsculo de ultradereita, en España, Tebas pechaba o estadio do Rayo pola súa afección terlle chamado nazi a un xogador ucraíno do Albacete que se considera tal. Son as diferenzas entre rematar co fascismo en Nuremberg ou cunha Transición que tolera anomalías como a Fundación Francisco Franco. Nin tan sequera os mortos estarán seguros ante a vitoria do inimigo, lembrounos Benjamin: sen dúbida, nós tamén merecemos aínda outro pasado.