Galiza, País das benditas ánimas, de Negras sombras, de cultura fertilizada por saberes e tradicións traídos dende pobos moi antigos. Raiceiras sen fondo arredor da vida e da morte.

Asuntos de orixe e orixinalidade nos que profundaba don Vicente Risco (1884-1964) figura aínda envolta en néboa e que, un século despois da primeira publicación da revista Nós, celebramos. Madurando cuestións éticas e estética que na Europa de vangarda abren ao Modernismo de reformulación políticas, industriais, materialistas, mesmo de aparición e milagres, entre guerras neocoloniais... Medra a curiosidade, os ismos, ansia de saber radicada no historicismo romántico, asuntos que preocuparon ao precursor Murguía: a pescuda do propio, acochado entre negacións ou esperpentos, polo estraño tamén, pola alquimia, a astroloxía, a linguaxe dos símbolos, pola Arqueoloxía Clásica, afondando en sabios renacentistas como o suízo Paracelso. Para concluír que orientarse é tomar como referencia o exótico Oriente, meténdose así na teosofía e na cosmogonía, no budismo, na interpretación da mandala, da esvástica, das propiedades dos animais e a reencarnación (como en Teixido). Cuestións do mundo Indo, Indoeuropeo, base do ADN cultural céltico. Así Risco descubre, entre os primeiros e espalla a obra do indo-bengalí Rabindranath Tagore (1861-1941) quen mesmo tiña abraiado ao irlandés Yeats para, despois da súa visita a Londres no 1912 onde o coñece, inspíralo e propagandizar a súa alianza de sentimento relixioso e poesía. Tagore quedou impactado de igual xeito pola identidade, a música e as sagas célticas, deica compoñer varias cancións irlandesas. Chega así a fortalecerse unha simbiose entre a fantasía, a teosofía, a poesía, a música india e a Irlandesa, confundíndose cos inspiradores herdos bárdicos celtas.

Asumíase o principio de que o ser humano está sometido a relixións que tratan de unir o terreal co celestial, a vida, coa morte... Dualidade, dialéctica presente no zoroastrismo, onde o Ben e o Mal, anxos e demos xogan entre Caos e Cosmos, lume purificador por medio.

Presupostos nos que Willian Butler Yeats (1865-1939), poeta, dramaturgo, ensaísta, senador do Estado Libre de Irlanda afondará, biografía e lecturas que coñece e contaxiaran a Risco, a Teixeira de Pascoaes, para interacionalos con outras creacións de inadaptados, contrapelo que reflicten a ética e a estética dun tempo de preguntas e respostas que asentan o valor da unidade na diversidade: Universidade.

Risco valora a singularidade da diferencia igual que moitos dos seus imitados creadores europeos, os que escribían en The Egoist (Londres 1914-1919), como Joyce, Eliot, Pound... Ou na A Aguia, da Renascença Portuguesa (Porto 1912-1916), centrada por Teixeira de Pascoaes. Pola contra Risco vai fendendo co egoísmo elitista, sectario campante, de literatos que escriben para literatos e por todos os canles informa para formar na idea que Galiza é un universo cultural, perdido nas súas arqueoloxías, nunha Historia distorsionada, entre tradicións e símbolos irmáns aos daquela Irlanda que comeza a andar independente. Culturas bordadas de panteísmo, protagonizadas, entre o medo, por fadas, trasnos en bosques animados e mesmo monstros, como o caso do lobishome, motivo do discurso de Risco para ingresar na Academia Galega (1929). Mesmo o ourensán, dende mozo, afonda no Demo, algo co que mesmo desafiará o seu medo nun permanente rito de iniciación, asunto que amplía co coñecemento das obras dun Yeats co que se identifica, tamén na súa exquisitez, como rebelde militante nas filas do independentismo irlandés, como teósofo practicante de maxias negras, seguidores da sedutora pitonisa rusa Elena Petrovna Blavatsky, (1831-1891), asentada en Londres, centro de concorridos cenáculos esotéricos e espiritistas, en Madrid cun discípulo, Mario Roso de Luna, a quen seguiu Risco. Lecturas entre as que entran as do escritor e pintor parisiense, de moda nos contubernios dos contestatarios, Joris-Kar Huysmans (1848-1907). Don Vicente no mesmo manifesto de Nós, refírese a Huysmans , autor dunha obra de expresivo título Á revours ( ao revés ou a contrapelo), metido tamén en seitas espiritistas, que analiza o erotismo satánico do pintor Félicien Rops e autor de Lá Bas ( Por alá: de argumento arredor dun personaxe que fuxe da vulgaridade para meterse na nigromancia.

Extravagancias que abraiaban ao mozos modernistas, contrapelo, aristócratas cristiáns os máis, acomodados, estetas seducidos pola relixión da beleza, envoltos na brétema das soidades, soñadores, altivos, peripatéticos que atopan inspiración no popular, que toman partido pola banda do oprimido fronte ao opresor, a un tempo que seguidores da moral de Nietzche, pesimistas, afeccionados aos alucinóxenos, dandis, de parladoiros en mesa de braseiro, próximos ao excepcional, afastados da mediocridade. Mozos que se sentían como novos magos, druídas ou cabaleiros artúricos que tutean aos espectros, ás ánimas e ás fadas, soñadores, a un tempo que lóxicos. Pese a todo clasificados no Decandentismo, aínda de fender co naturalismo, co figurativismo para promover un esteticismo de misterio e mesmo de deconstrución.

Se moda está a Teosofía, a ansia de penetrar nos misterios da vida, da morte, do ben e do mal. Ao respecto Risco dará unha conferencia na Coruña no 1926 sobre o Demo, tema que irá ampliando ao longo da súa vida, para publicar Satanás, a Historia do Demo (1947) iniciativa que petaría con estraños atrancos, entendidos mesmo como unha mensaxe infernal. Para unha segunda edición, don Vicente acudiu a un teólogo (1956). Obra na que, no capítulo final comenta o ensaio O Diaño (1953) de Giovanni Papini quen mesmo suplica a un deus misericordioso piedade pro Demo... Co exceso de amor pode esmagarse ao inimigo.

Risco argumenta que o Diaño está na súa mesma negación... Vive na morte eterna... Por iso o Demo reaparece no medo, na preocupación, na saudade. Risco reprocha a Papini non coñecer as teorías saudosistas de Teixeira de Pascoaes, o sentimento da terra, do que se deixa e se perde, como sombra e semente do Demo, o poema Regresso ao Paraíso, versos que comezan con Satán, o Inferno e un Adán soidoso do Paraíso Perdido.

Teosofía, arcana ciencia tratada nun estilo desbordado, onde a forma supera ao fondo. Niso mesmo andaba Oscar Wilde (1854-1900), autor de tantas historias como O fantasma de Canterville. Mesmo A Visión de Yeats, novela na que interacciona o maxín coas tradicións para influír en Allan Poe. Algo que os galegos levamos sempre por derriba das modas, en tradicións, expresado en canícelos, pórticos, gárgolas, no popular libro do Ciprianillo.

Risco enriquece a súa identidade inspirado na Renacenza Céltica, na Renaceça Portuguesa, no discurso do seu amigo Teixeira de Pascoaes, afirmando o que xa levaba no seu ADN, as saudades célticas do que se perde, teosofía que se confunde na galaxia, entre o plácido luar que traspasa pétreos pórticos para entrar nos misterios divinos, no neplatonismo, a kabala xudaico-cristián... O ciclo artúrico, a busca do Grial, a ascética peregrinación... Asuntos abandeirados polo mundo xermanófilo Wagneriano no que fermentaban individualidades.

Polo devandito e para esconxurar tópicos, ben cumpriría un museo sobre esta cuestión, materiais e argumentos non faltarían. Risco asentaba que o Diaño, pese a tanta piadosa tregua, existe. Arrenegado Sexa pois, contra o que ademais temos figas e santuarios. A Fundación V. Risco ten a Pedra Angular destas cuestións.