Por se faltaran máis probas da necrose final do goberno Feijóo, o sometemento do calendario electoral galego ao vasco -unha manobra desesperada que pretende asimilar a inanidade gubernativa da Xunta de Galicia ao ímpeto administrativo de Ajuria Enea, e tamén desviar o foco dos medios estatais da campaña galega- vén corroborar a peor das diagnoses posibles: a dun presidente experto unicamente en procurar a súa supervivencia política.

Porque poucas comparacións poden resultar máis ilustrativas do efecto das políticas públicas no desenvolvemento dun país que a actuación do PNV en Euskadi e o PP en Galicia. No primeiro caso, ollamos un país que enfrontou con valentía a súa transición a unha economía posindustrial mediante un forte investimento público en I+D e unha política de infraestruturas ambiciosa culminada cunha protección acérrima das súas marcas de identidade propias, cuxo maior símbolo é a recuperación heróica do euskera.

Á Xunta de Feijóo, pola contra, sóbranlle máis da metade das competencias que malamente administra. Faise patente o deterioro dos servizos públicos, como a sanidade; o esmorecemento das universidades e a investigación; o aillamento comunicativo da Galicia interior; a crise perpetua do rural a consecuencia do infradesenvolvemento das industrias agroalimentarias asociadas; o forte devalo demográfico e a perda acelerada da lingua propia, esta si, consecuencia directa das políticas da Xunta. O laboratorio neoliberal no que Feijóo converteu Galicia amosa hoxe os mesmos efectos dunha cura prolongada mediante sangría nun paciente con anemia: a aceleración da súa agonía. Non será doado, a verdade, reverter a profunda crise económica, social e cultural que padece Galicia desde hai unha década, só desde a confianza no desenvolvemento endóxeno do país e a aposta decidida polo investimento público e a cirurxía lexislativa de carácter urxente poderíamos recuperar certa confianza no noso sombrizo futuro.

Talvez ao PSOE non lle veña tan mal, despois de todo, esta imprevista convocatoria electoral. Xa se empezaban a albiscar os primeiros capítulos da súa longa tradición cainita na que se enfrontan, desde hai décadas, o máis manso e paifoco dos seguidismos madrileños cunha constelación de pequenos taifas locais organizados a nivel de provincia, incapaces, ambos os dous, de interpretar o país como un conxunto e desde a defensa dos seus propios intereses, como si semellan facer os seus homólogos noutros lugares. A súa volta ao poder municipal nas antigas alcaldías do cambio tampouco produciu, ata o de agora, asombro pola calidade das súas políticas públicas, senón só certa somnolencia pola paz mediática recobrada e o consenso cos vellos poderes fácticos.

O BNG chega a estas eleccións nun momento que semella óptimo, falta por saber se aproveitou a súa pequena travesía do deserto para interpretar, en claves novas, un país que xa non é o dos 90 e que precisa hoxe de maiores audacias teóricas e prácticas que as que repiten decote os seus voceiros.

Por último, o espazo das mareas concorre a estas eleccións desde a máis complexa situación inicial. Porén, da alianza entre as sensibilidades da esquerda federalista, nacionalista e municipalista podemos agardar aínda a proposta política máis radicalmente democratizadora das catro en liza. Cómpre evitar, así a todo, a tentación do recurso á disciplina da correlación interna de forzas, en analoxía á estratexia aplicada polo PSOE a UP nos últimos meses, e non só porque resulte en si mesmo penoso, senón porque non deixaría outra opción que a de procurar unha alternativa en clave, esta vez si, autónoma e integradora da diversidade interna.