15 de febrero de 2020
15.02.2020
si, home, si

Coroándonos de medo

14.02.2020 | 23:32

Antigamente, a noticia de que se expandías as enfermidades traíanas os viaxeiros (o mesmo que as propias enfermidades, por outro lado). Primeiro eran ruxe-ruxes e logo referencias de primeira man. Supoño que naqueles tempos, escoitar falar de que se aveciñaba unha peste debía producir un pavor inmenso na xente, ignorante do que consistía, de que terían feito para merecela (que pecado concreto ou xenérico), canto tempo estaría con eles, se sería mala ou moi mala, e que exorcismos ou ritos eran bos para espantar a doenza ou non contraela. O curioso é que agora, que sabemos das cousas no que se chama tempo real, que nos mostran a fotografía do becho, sexa virus, bacilo, bacteria ou prión, e nos contan os seus usos e costumes e de quen vén sendo, estamos un pouco nas mesmas que nos tempos da peste negra.

A peste negra, posiblemente a peor pandemia que sufriu a humanidade, foi unha cousa realmente seria. Comezou en 1320 no deserto do Gobi, tardou 10 anos chegar a China, pero cando desapareceu, pouco máis de trinta anos despois de emerxer, matara entre un 30 e o 40% da poboación europea e case un cento de millóns de persoas entre ese continente, Asia e o norte de África. O coronavirus non parece que vaia ser así, desde logo, pero algunhas instancias, non soamente mediáticas, están producindo un rebumbio como se o fose. Imaxino que a paranoia que había nas cidades naquel século XIV era considerable, ademais de xustificada, pero o que hai agora non é pequena. Nas farmacias da Coruña, a varios miles de kilómetros de calquera caso positivo, non queda unha soa mascarilla, o que non quita que non se vexa unha posta pola rúa. Debe ser un porsiascaso. E a cidadanía asiática está a sufrir un verdadeiro acoso, ou máis exactamente, repudio. Nunha rede social vin un letreiro na porta dunha casa que o di todo: Somos coreanos. No hemos viajado a China nunca.

O malo do coronavirus, agora bautizado como COVID-2019, que parece máis serio, é que é unha enfermidade da que non se coñece moito. Con todo, polo de agora ten un índice de mortaldade do 2,3% no lugar de orixe e en xente vulnerable, mentres a gripe, en España, leva este ano entre un 4 e o 6% de exceso de mortalidade e o pasado matou 6.300 persoas, mentres en China van 1.371 falecidos polo Covid. Que calquera se fía do Goberno da China? Eu en cuestións de transparencia de catástrofes, fíome nada de calquera. E ata chegar aos 700.000 mortos anuais no mundo por gripe, queda moito que contaxiar. Ou sexa que, de momento, non é para tanto. Contra o que poida parecer, a OMS non recomendou nin que se restrinxan as viaxes, nin as concentracións de xente. Non sei por que se desconvoca o Mobile ese de Barcelona e non o final da Copa (quitado que a guerra comercial EUA-China lle afecta ao Mobile e non á Copa, que se saiba). Ou o Carnaval de Río, un lugar onde as infraestruturas sanitarias, o control da poboación en xeral e dos asistentes ao evento en particular son de moito máis risco que o Mobile, e non parece que vaian desconvocar nada. Quizais, como me dixo un amigo meu o outro día porque, de contaxiarse, mellor bailando samba que inspeccionando un móbil.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook