18 de febrero de 2020
18.02.2020
A Coruña

Orquestra Sinfónica e son futuro

17.02.2020 | 20:22

Nestes días que tanto se fala do incumprimento por parte do Estado das súas obrigas coa comunidade autónoma, que ao señor presidente da Xunta lle escoitamos dicir que a Administración do Estado ten que dar exemplo aos cidadáns e asumir os seus compromisos pagando o IVE que nos corresponde; non podo deixar de pensar na nosa Orquestra, a Orquestra Sinfónica de Galicia. E digo nosa porque é un orgullo para os galegos ter en Galicia unha orquestra sinfónica de primeiro nivel non só en España senón tamén no estranxeiro. Seguro que moitos dos que amades a música e admirades á OSG xa imaxinades do que estou a falar. Para os que non o saibades, hoxe a orquestra está pasando por un momento crítico por mor do incumprimento pola Xunta de Galicia do compromiso económico adquirido co Consorcio que a xestiona. Concretamente a Xunta acumula dende o 2010 unha débeda con esta institución que ronda os cinco millóns de euros, o que pon en serio perigo a continuidade de moitos dos proxectos satélites que afectan directamente aos nosos mozos e cativos. Agora falo como nai dunha nena que participa en Son Futuro, marabilloso proxecto que dende hai case dez anos está a formar aos nenos e mozos nas distintas agrupacións que o compoñen: Orquestra de Nenos e Xove, Coro de nenos e Xove. Realmente Son o Futuro da nosa música, sen desmerecer outras actividades e proxectos que con moitas dificultades están nacendo por toda a comunidade e tamén deberían contar co apoio das distintas administracións. Agora que se achegan as eleccións autonómicas é un bo momento para reivindicar que os nosos políticos se comprometan coa cultura e asuman a súa responsabilidade para que iniciativas como estas e institucións do prestixio da Sinfónica reciban como mínimo os fondos públicos que legalmente lle corresponden.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook