Esporeados sen dúbida por ese neno balear tan simpático que se expresaba moito mellor no idioma que falaban na casa que no que lle aprendían na escola e na televisión, os gardiáns das esencias patrias tiveron outra desas ocorrencias que eles e outros confunden coa política -ou non, pero sérvelles para ter titulares, que é do que viven-. Como aquela do dereito a levar armas, que tan excelentes resultados dá en grande parte de América. Nesta ocasión, a proposta é que naqueles sitios onde hai outra lingua tamén oficial, haxa exames de castelán. Efectivamente, a Constitución establece que saber falar castelán é un dereito é un deber, mentres que a falar as demais linguas que son tamén oficiais nos territorios respectivos só hai dereito a falala, non deber. Non imos entrar agora no de que se todo o mundo ten dereito a falar unha lingua, iso implica que hai outros que teñen o deber de entendela, aínda que non o de falala. O que hai que definir é que se entende por saber falar castelán.

Porque non coñezo a ninguén que non saiba. Coñezo xente que non se expresa moi ben nel, que prefire falar outro, mesmo que se nega a falalo, pero que o descoñeza, que non se defenda nel, mal ou ben, a ninguén. E, ao revés, aparece un mundo de xente monolingüe en español que non se pode dicir que domine precisamente o idioma. Aceptamos, se acaso, como castelán o que falan en Gran Hermano? Porque non casa moito co que se entende por normativo. Se do que se trata é de ter o nivel, por exemplo, que se esixe a nivel de Educación Secundaria, moito me temo que unha maioría de españois de ben se verían en apuros á hora de responder cal é o pretérito pluscuamperfecto de subxuntivo do verbo "poseer". Ou as normas de acentuación. De feito, o outro día lin a un profesor universitario -fóra de Galicia- ao que 2 (dous) alumnos lle preguntaron que significaba a palabra "sendos" que lle aparecía nun exame.

Tamén habería que establecer que facemos cos acentos. Se valen ou non. A min pasoume unha vez que me chamaron nunha dependencia oficial en Madrid que fixera o favor de ir atender a un señor na porta, que falaba galego e non o entendían. Efectivamente, era galego e non o entendían, pero o que estaba falando era español. E a ver que facemos cos acentos suramericanos. Porque por aí falan un castilla fermoso, ben máis puro do que usan en moitos ministerios, pero entendelos ou non xa é outra cousa. Habería que aclarar se nos temos que examinar todos de segoviano, ou dunha teórica lingua standard que non existe, porque onde non hai leísmo hai laísmo, e se non, loísmo. Tampouco certas falas andaluzas son doadas de pillar sen adestramento previo.

Pero sobre todo, o que non aclara a proposta é que facer cos que suspenden. Poñelos máis aló das fronteiras? Metelos en campos de reeducación sintáctico-gramatical? Quitarlle puntos de cidadán? Porque para ser funcionario, para sacar o carné de conducir, e para case todo (para parlamentario non, como ben se escoita), hai que acreditar un nivel de castelán como mínimo a nivel de usuario. Como dicían os de antes, a culpa é de quen lles fai caso.