O seu pai era encofrado e o daquela, rapaz Manuel, repasaba os croques do seu proxenitor con verdadeira fruición. Había algo neles que o atraían, con toda seguranza as liñas que neles se plasmaban. Xa aos nove anos pediu como agasallo as súas primeiras acuarelas. E comezou a copiar debuxos da Enciclopedia Álvarez, porque así llo pedía o seu mestre. No bacharelato sacou sempre sobresaliente ou matrícula de honor en debuxo. Era normal, e segue séndoo, que se preguntase e se pregunte, como ninguén lle recomendou que estudase Belas Artes? Así que tivo que crearse unha autodisciplina férrea para poder formarse por si mesmo. O esforzo, neste sentido, sempre foi seu. O bebeu de moitas fontes. E iso, cos anos, foi bo; porque o influíron moitos artistas, pero ningún en concreto. Segundo el mesmo recoñece, cometeu moitos erros, pero grazas a iso, hoxe podemos dicir que o seu estilo é auténtico. A visión das cavernas pintadas con sangue de animais polos primeiros humanos que poboaron a terra foron un achegamento moi íntimo mais definitivo ao mundo da pintura. A visión da arte é dispar en cada persoa, por iso as creacións duns pintores ou doutros son distintas. As acuarelas de Manuel Gandullo gustan a uns e a outros non. É lóxico nas artes. Para el a acuarela foi un namoramento, non exento de esixencia, pois foi a dificultade técnica foi o que provocou nel o reto por enfrontarse a ese desafío. Non lle arredan tamaños, pinta pequenos debuxos e acuarelas igual que, nesta última disciplina pode realizar cadros de grandes dimensións. Desde un tempo a esta parte, Gandullo, está obsesionado con pintar animais e, no seu interior, está convencido que acabará pintando persoas, pois endexamais abordou nas súas creacións a figura humana. Para el, o seu traballo non debe reflectir un estado de ánimo, senón o teu ser. Como é sabido, na acuarela píntase ao revés. Os brancos son os fondos do cadro, á inversa que no óleo. Por iso, Gandullo, sempre debuxa antes de verter a acuarela no lenzo. Estuda volumes, proporcións, anatomías, e logo aplica a técnica para chegar ao resultado final. A súa pintura viaxou non só ao Estado Español senón tamén a moitos lugares do mundo. Mais se é coñecida por algo é pola sabedoría con que logra expresar o mundo do mar. O seus barcos son, podería dicirse, uns clásicos da acuarela galega. Supoño que a estas alturas, terá pintado milleiros de mariñas, e non esaxero coa cifra. Non hai moito, inaugurou unha exposición en Sada, con motivo da XXVI Regata de cruceiros A2 celebrada a finais do 2019. O feito de vivir nesta vila mariñeira achega ao noso artista ao universo dos reflexos da auga, aos barcos e ás costas que arrodean a súa sensibilidade. Porque Manuel Gandullo, non só é un mariñeiro en terra que pinta barcos, é tamén un patrón, un navegante dos mares, polos que sempre sucará cun pincel e cun temón noutra.