Se tiveramos que definir nun único exemplo as políticas públicas do goberno de Feijóo da última década escolleriamos, sen dubidar, a inauguración da pasarela peonil que conecta, sobre a Avenida de Arteixo, o Polígono da Grela con Marineda City. Máis en concreto, a foto da súa pomposa inauguración o 11 de decembro do ano pasado, na que se retrataba unha comitiva multitudinaria de xerifaltes da Xunta -acompañados coa súa torpe complicidade de costume por representantes do Concello- cuxo soldo anual sumado supera con creces o custe total da infraestrutura en cuestión. Todos os protagonistas da imaxe comparecen no apretado desfile con xesto de acontecemento histórico, coa mesma gravidade e entusiasmo contido que esixirían, por caso, a inauguración dunha liña de tren de proximidade entre Ferrol e A Coruña, a autoestrada de Lugo a Ourense ou a transferencia definitiva e cancelación fulminante da concesión da AP-9.

Talvez o xesto do propio presidente da Xunta na foto delataba nesta ocasión certa incómodidade pola conciencia da tremenda asimetría entre a nimiedade dos feitos -unha pasarela peonil de dous millóns de euros para facilitar o acceso a un megacentro comercial- e a pompa versallesca da súa apertura oficial. A imaxe do inoportuno brinco celebratorio sobre a infausta pasarela da que fora candidata do PP á alcaldía da Coruña, a enerxética Beatriz Mato, reproducida milleiros de veces nas redes sociais, estragou definitivamente a solemnidade sixtina dun acontecemento descrito como unha verdadeira escultura a ceo aberto na prensa amiga, que é case toda.

Porque, en efecto, sobre a pasarela de Marineda, o rei desfilaba espido: o seu investimento na cidade que representa case o 10 por cento da poboación galega resumíase neses escasos dous millóns de euros gastados a maior gloria dun modelo de concentración de oferta comercial xigantesco e asoballador do pequeno comercio local da Coruña. Dous millóns dun orzamento anual total de 11 mil millóns da Xunta. Resulta imposible comprender a situación de atraso económico e emerxencia social do noso país sen ter en conta este feito: a incapacidade da Xunta de Galicia nos últimos 40 anos para articuar e favorecer o desenvolvemento das grandes áreas urbanas galegas que son, precisamente, as que menos votan polo PP.

Escollemos a pasarela de Marineda, entón, como metáfora definitiva do goberno Feijóo: o contraste esquizofrénico entre a nimiedade dos feitos e a súa espectacular repercusión mediática; entre a situación terminal do paciente e o optimismo exultante do equipo médico encargado da súa saúde. Xogos de mans e operacións cosméticas completamente inútiles á hora de mellorar as constantes vitais do corpo social galego tal e como aparecen reflectidas no INE e no IGE, e que reflicten un país con todos os seus indicadores económicos e demográficos en situación crítica.

O noso país precisa con urxencia unha verdadeira terapia de choque para reverter esta situación, precisa políticas valentes na ordenación do territorio; investimento público en certas infraestruturas viarias urxentes; desenvolver todo o potencial investigador latente nas nosas universidades; precisa tamén recuperar a lingua propia e defender con valentía os nosos propios intereses en Madrid e ante Madrid.