O 8 de marzo é unha boa data para facerse preguntas. Por exemplo, cal é o camiño para avanzar na igualdade? Ou como seguir adiante neste proceso? Penso que o primeiro paso para avanzar na igualdade é crer na igualdade e pensar na igualdade. Hai que crer e pensar para avanzar. Sen esas premisas previas, todo o demais non serve. Por iso o 8-M é importante. Porque permite falar da igualdade, ocupar espazo nos medios e ocupar espazo tamén nas conversas de todos e cada un de nós.

A Administración ten traballado incansablemente nun camiño que se constrúe avanzando e concienciando. Na educación, na colaboración cos concellos, no apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero, e na visibilización de referentes femininos en tódolos ámbitos, referentes que serven de espello, de exemplo e de normalización. Que as rapazas e rapaces deste país queiran ser Ana Peleteiro, ou Vero Boquete, ou Emilia Pardo Bazán, ou María Wonemburger, ou Mabel Loza, ou Alicia Estévez, ou Teresa Fernández-Valdés, ou Rosalía Mera, ou Purificación García por poñer algúns exemplos. Mulleres en pé de igualdade que demostran que damos pasos cara adiante. Sabendo que quedan pasos por dar, pero sabendo tamén que moitos pasos quedaron atrás porque foron superados.

Queda camiño? Por suposto, pero queremos andalo. Xuntos e xuntas seguiremos coa igualdade na axenda máis aló deste 8-M. Unha axenda transversal. Porque a igualdade ten que estar presente na política pero tamén nas empresas, nas nosas familias, na rúa e, por suposto, na escola.

Si, a importancia da escola é clave. Todo o que poidamos facer neste campo é pouco. O futuro escrébese nas aulas porque o que se absorbe nos colexios ten unha forza incrible no día de mañá. Puidémolo comprobar esta mesma semana cando entregamos os premios do concurso de carteis do 8 de marzo no que participan escolares de toda Galicia. Que permite ese concurso? O que reclamaba ao principio do artigo: que os alumnos adiquen horas a pensar. Porque todo o tempo que empregaron en deseñar os carteis, en atopar o modo de transmitir mensaxes foi tempo adicado a pensar na igualdade.

Hoxe é 8-M, e falaremos de igualdade. Mañá será día de seguir traballando, e falaremos outra vez. E pasado. E ao seguinte. O camiño que iniciamos como sociedade e como país non ten marcha atrás, e require dun esforzo colectivo para que se manteña imparable. Esta loita é de todos e todas, sen exclusións. Unha loita que non debe entender nin se siglas nin de carnés. Unha loita na que nos xogamos o noso futuro como unha sociedade xusta, libre e igual. Unha loita por unha sociedade mellor. E iso sempre merece a pena.