Paula Esteban, de cativa debuxaba todo o día. Era unha rapaza que lle dabas un caderno e un bolígrafo e ninguén se decataba da presenza da nena. Se xantaba fóra coa familia, collía unha servilleta e gozaba da comida por partida dobre: saboreaba os alimentos e tamén os seus debuxos. Estudou deseño gráfico na Pablo Picasso. Hoxe, segue dedicándose ao deseño, porque considera que é unha saída profesional máis real que a ilustración, aínda que sexa esta a súa Illa misteriosa, o espazo que fai iluminarse o seu maxín. Cando cursaba o 4º curso de deseño gráfico solicitou unha beca Erasmus en Liège e alí descubriu que ademais de deseño gráfico tamén podía especializarse en cómic. E meteuse de cabeza no enleo.

O seu profesor de cómic foi Etienne Yuio, un dos máis prestixiosos autores de historietas de Bélxica. Paula Esteban se encontraba no lugar axeitado para empaparse do mundo do cómic. Porque aínda que, a algúns lles sorprenda, Os Pitufos, Tintín, Lucky Luke, Blake e Mortimer e Spirou son creacións de autores belgas. Humildemente, son da opinión que o personaxe de Spirou, influíu na estética de Paula. Raúl Mella, ilustrador e tamén amigo, animouna a facer o seu primeiro fanzine, un conxunto de ilustracións soltas do que realizou dúas entregas: No te agarres la cabeza I e II. O seu labor como ilustradora atópase en libros colectivos como Licor Café de Manel Cráneo ou O puño e a letra de Yolanda Castaño.

Tamén colaborou con Álvaro López en Os que levan o lume, no que aportou o seu coñecemento en técnicas de deseño gráfico. Precisamente, Álvaro López, converteuse na persoa fundamental para que Paula iniciase o camiño para crear as súas propias historias. E xa non parou. Primeiro foron ' Las aventuras de Frisby y Trisky, historias curtas dun prato, un deses pratos de plástico que nos lanzamos nas praias para xogar, e que ela humanizou xunto cunha especie de gato-monstro. Logo veu Tiritas, a historia dun neno que tiña o soño de ser deseñador de tiritas. E máis tarde Red Bricks, ladrillo vermello. Un proxecto que se editou no seu momento, pero que segue aberto. Nel, un rapaz ten a capacidade de viaxar no tempo e aparece en Manchester para poder ver en directo todas as bandas de rock and roll que eran as súas preferidas dos anos oitenta. E despois chegou Monguis, ou como se mantén unha relación a distancia, realizado xunto con Diego Burdio.

Con este mesmo ilustrador colaborou no seu álbum Atrapados en la ciudad, na que deu cor aos debuxos. Con Paula Esteban tiven o pracer de colaborar, pois é a autora de moitos deseños dos meus poemas visuais e tamén de varios carteis para obras de teatro e, tamén andamos metidos nalgún que outro proxecto. Pero iso, será outra historia. De momento, Paula Esteban continúa na súa Illa Misteriosa, debuxando na intimidade dun lugar que só está aberto para seres que admiren a arte, a vida, a amizade e as emocións, porque son as emocións, as anécdotas e os sentimentos os que motivan xorden o seu maxín para que nazan as súas historietas.