Finalmente, non foron as turbulencias provocadas polas guerras comerciais de Trump, nin as turbulencias en Oriente Medio, nin o Brexit o causante da nova fase da crise económica de 2008 que se albiscaba no horizonte desde hai xa uns meses, o causante foi un virus xurdido nunha remota comarca chinesa, aínda que, desde a proliferación da aviación comercial e o turismo de masas, nada resulte xa tan remoto como antes.

O transcurso dos acontecementos coñecidos ata o de agora é máis semellante ao dunha narración distópica que ao relato das anteriores pandemias históricas, como a gripe española de 1918. Son os efectos multiplicadores causados pola lóxica da Globalización, a actual fase histórica caracterizada pola extraordinaria compresión do espazo e do tempo, nunha economía-mundo estreitamente interconectada na que non existe xa practicamente un fóra.

A crise sanitaria puxo de manifesto, en primeiro lugar, o espazo central que ocupa hoxe a fábrica chinesa na economía mundial: a parada por corentena da súa cadea de produción provocou unha verdadeira crise de suministros que atinxiu a practicamente todos os sectores da economía dos países desenvolvidos, que teñen alí deslocalizada toda ou parte da súa produción.

A conversión da crise sanitaria en crise económica amosou, en segundo lugar, a preeminencia do factor humano, é dicir, do traballo, na actividade económica mesmo no contexto dunha economía tan fortemente financiarizada como a que padecemos hoxe. No albor do século XXI, o traballo segue a ser a fonte de toda riqueza, tal e como demostrou Marx a mediados do XIX. As outras crises, como a do sector turístico ou a do petróleo, son, comparativamente, menores ou derivadas da primeira: a parada da fábrica chinesa.

Regresa Marx e tamén regresa Malthus: como con cada nova epidemia global, sempre hai un grupo social especialmente afectado, neste caso, o das persoas anciás, o cal lle engade un nesgo de crueldade a esta doenza nunha sociedade, como a nosa, que converteu a terceira idade nunha sorte de patoloxía social, e o debate sobre as pensións, nun xeito de culpabilizar a clase obreira polos poucos retornos que aínda lles ofrece o noso cada vez máis magro estado de benestar.

Atravesamos, entón, unha nova fase da Crise de 2008 na que ao factor económico se lle engade tamén o sanitario. O desafío para os estados é dobre e as ferramentas coas que contan para afrontalo son moito máis cativas que as de hai doce anos. Hoxe non contan cos mesmos recursos de política monetaria, agora que os bancos centrais venden xa o seu diñeiro en valores negativos. A súa marxe para o endebedemento é tamén moi inferior á de 2008 -no caso do Estado español, a débeda pública supera o PIB anual- como consecuencia da baixa presión fiscal sobre esas mesmas multinacionais que deslocalizaron a súa produción a China. En último lugar, é unha incógnita saber cal será a capacidade do noso sistema sanitario para responder aos previsibiles picos de demanda das vindeiras datas, sobre todo, en casos como o do Sergas, logo dos dez anos de recortes consecutivos do goberno Feijóo.