Europa, mediado o século XIV, en plena bonanza económica, viuse arrasada pola que se coñeceu como a "peste negra", a epidemia máis mortal da que nunca houbo noticia. Matou entre a terceira e as dúas terceiras partes da poboación que daquela había no continente, e provocou un verdadeiro cambio sociolóxico e económico. Como esta do Covid-19 que padecemos, xurdiu en China, dunha zoonose (salto de animal a humano) e, tamén como esta, usouse para botarlle a culpa aos de fóra.

Daquela atribuíaselle a peste aos viaxeiros, con toda a razón, pero tamén a outros colectivos como os xudeus. Os xudeus morrían menos, e para corrixir ese desequilibrio, os cidadáns máis activos e dispostos empezáronos a acusar de envelenar os pozos e outras actividades contra a saúde, e a actuaron en consecuencia, queimándoos ou expulsándoos. A verdade é que enfermaban menos porque tiñan mellores hábitos hixiénicos, aínda que, de sabelo, tampouco entón é que estivese ben visto. Agora non evolucionamos moito. Trump chámalle ao Covid-19 "o virus estranxeiro" (e de feito estivo a carón dun coronapositivo de fóra, o xefe de prensa de Bolsonaro). A cadea conservadora FOX botoulle a culpa a epidemia ao Partido Comunista da China, porque ten esfameada a poboación, e a xente vese obrigada a comer morcegos crús. A televisión pública rusa, Pervi Kanal, sostivo (polo menos o presentador do programa informativo Vremya) que foi Donald Trump quen creou o virus como arma de combate na batalla comercial dos EUA coa China. Como argumento, "corona" vén das coroas que o presidente cor laranxa poñía ás gañadoras no seus concursos de beleza.

A peste negra ocasionou un auténtico cambio nos costumes, no pensamento e na economía. Entre os que consideraban a praga como un castigo divino, exacerbouse o sentimento relixioso (os flaxelantes, multitudes que percorrían os camiños dándose lategazos), pero como reacción contraria, estimulou o pensamento humanista e científico. E como a man de obra escaseou, subiron os salarios e activouse a innovación. Agora, o do ensino a distancia que provoca o coronavirus non sei se revolucionará a educación, acabando cos centros-gardería e os rapaces socializando unicamente cos xogos online da Playstation. E o teletraballo abaratará os custes de produción, e de persoal, porque suporá o paro para todos os empregos que requiran un desempeño presencial. Ou quizais teñan que pagar a prezo de ouro eses empregos.

Tamén quizais dentro de nove meses de reclusión forzada haxa un baby boom, aínda que o máis probable é que a convivencia obrigada mesmo dispare o número de divorcios. Outra cousa que relaciona aquela pandemia de hai seiscentos e pico anos coa actual é que agora, como entón, os heroes son os médicos e o persoal sanitario que se enfrontan a elas. Non sei se na metade do século XIV a peste chegaría inoportunamente, como agora, despois de que se deran severos recortes en hospitais e centros asistenciais.

No non moi abondoso balance positivo das pestes medievais están as obras literarias que crearon. Os Contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer ou o Decamerón, as historias contadas por dez persoas que foxen ao campo para escapar da praga, que Giovanni Boccaccio, escribiu despois de presenciar os estragos da peste en Florencia. Chámenme incrédulo, pero non creo que entre milleiros de persoas fuxidas de Madrid e outras cidades para vir á costa ningún vaia crear Los cuentos de Sanjenjo ou algo así.