Desde as revelacións de Wikileaks, a fronteira entre os teóricos da xeopolítica e os da conspiración comezou a esborrallarse: cando coinciden as sospeitas cos feitos, os paranoicos pasan a ser visionarios. En todo caso, se o que estamos a vivir hoxe é un episodio de guerra bacteriolóxica entre os Estados Unidos e China, o efecto búmerang, como no caso das ocupacións de Iraq e Afganistán, pode ser demoledor para os norteamericanos, se temos en conta a capacidade de reacción da administración Trump e o feito de que nese país 30 millóns de persoas carezan de cobertura sanitaria.

En España, a verdade, obrouse como se esperaba: a falta de contundencia dos primeiros días, coa inexplicable permisividade coa irradiación do foco madrileño do virus ao resto do estado, foi seguida pola severidade patriótica do estado de alarma punteado co enésimo episodio de vergoña borbónica. O Goberno mordeu o anzol que lle lanzaba a dereita esixindo liderado político e "mando único", un debate moito máis interesante para eles que o do lamentable estado da sanidade pública nas comunidades autónomas que gobernan desde hai décadas, entre elas, desgraciadamente, a nosa.

A seguir, o Goberno anunciou, de xeito diferido e con 24 horas de antelación, unha medida que debe se aplicar mentres se comunica, como é o estado de alarma. Non sabemos os motivos pero resulta difícil de entender esta dilación. Como tamén resulta difícil comprender que no mesmo acto non se informase dunha estratexia económica para paliar a situación dos centos de milleiros de persoas que están quedando sen traballo, sen teito ou sen negocio. Neste ámbito, o seguidismo absoluto da doutrina Lagarde neste momento, esperar e ver, que se lle atribúe á ministra de Economía española, Nadia Calviño, semella máis propio dunha alta funcionaria de Bruxelas que dunha líder política que ten como prioridade o mantemento do benestar e a seguridade da maioría social. Cousas da tecnocracia.

En todo caso, no bando dos países liderados por políticos pura sangue as cousas non van mellor: Boris Johnson, probablemente consciente da insuficiencia da súa sanidade pública para afrontar o tremendo desafío do virus, adoptou unha estratexia idéntica á do súper inimigo do seu admirado Churchill: a resistencia pasiva de Gandhi. Alí van agardar polo impacto do Covid-19 en pleno ritual do té ou encargando a seguinte rolda de half-pints, seica. Resulta lamentable contemplar o país inventor da moderna socialdemocracia convertido nun laboratorio neoliberal para o que non dispoñen de Brexit. Cambias de muiñeiro pero non de ladrón.

E despois está o caso da Unión Europea que engade, nesta crise, un exemplo máis de impotencia ao seu prolixo catálogo de pasividades: nin unidade de acción no ámbito sanitario, nin solidariedade interna, nin resposta conxunta no plano económico. E mentres os mercados colapsan e Lagarde pensa que isto non debería estar pasando, os países do sur, os vellos PIGS, volven atoparse na mesma situación do 2008: expostos á mercé dos seus acredores do norte, máis aterrados pola desvalorización do euro que pola expansión do virus.