Tempo primaveral de Coresma, que por algo, entre loito, significou reclusión, atoparse cun mesmo, revisión, "reseteo" que diriamos hoxe. Mais agora, atoutiñando entre as incertezas polas alertas dunha corentena forzada por unha peste, progresista, global, guerra integralmente viral contra un inimigo invisible, virus que peta no estado da cuestión de cada cal e de cada pobo. Aprazadas quedan outras cuestións pra centrarse na vida e na sanidade. E menos mal que as alteradas inclemencias meteorolóxicas, tan agresivas polo intervencionismo dan unha tregua. Ambiente no que se reclama o que parecía esquecido, propio do autoritarismo: a disciplina.

Intres pola contra propicios á creatividade, á positividade, á xenerosidade solidaria, comezando pola normativa oficial, poñendo cada cal a súa parte. O tema xa está nos clásicos. Vellas situacións arquivadas nos cadernos de bitácora da cultura, pra logo relativizalas con novos acontecementos. Si ben nestes tempos contamos coas novas tecnoloxías, coa vantaxe das redes de intercomunicación, persoal e global inmediata, as que tamén poñen a proba a pedagoxía e enxeño dos individuos e da política, os que facilitan o teletraballo, a información para a formación. Situación na que atopamos verdadeiras xenialidades ao servizo da intercomunicación e polo tanto da sociedade.

Historias semellantes que afectaron a sociedades coutadas pola peste, haber hainas en tempos e circunstancias diferentes, quizais esquecidas entre as comodidades e o supermercadeo. Pero nunca os precedentes son os mesmos. Pero si coas conseguintes profecías e paradoxos, as respostas compulsivas produto do medo, os embustes que empeoran a situación, o oportunismo, a morbosidade... reaccións propias do estudo psiquiátrico e sociolóxico.

Velaí para unha educación relixiosa os iconos do medo, os bíblicos Catro xinetes do Apocalipse, saídos da que se di revelación transcrita polo evanxelista Xoan. Catastróficas pero inspiradoras páxinas, cheas de alegorias arredor do caos e e do cosmos, da vida e da morte, símbolos numéricos tamén: libro composto en catro partes, como os catro puntos cardinais, como os catro elementos, as catro estacións e os catro evanxelistas. Texto tramado en arroutos anímicos oraculares, entre adiviñas escuras, tinxidas de subrealismo: os sete selos, as sete trompetas, sete estrelas, sete copas, sete cartas, sete comunidades, sete portas, sete visións... enmarcadas nunha paisaxe metálica e atómica entre a que asoman ises catro cabaleiros feudais portando o cetro do seu mando: o do enigmático cabalo branco é a metáfora da conquista e do sometemento; o do roxo simboliza a guerra, o negro a fame, pra finalmente ser o de cor ictérico o que representa a palidez da peste e da morte. Un precursor Dies irae con música de fondo, quizais o Así falou Zaratustra de R. Strauss. Tema que dara pra moito na Arte, máis nos anos medievais do Románico, cando se atemorizaba e adoutrinaba co fin de mundo.

Sempiterna cuestión do tránsito que vai do principio ao fin, da vida á morte, raiceira de filosofías e relixións a xirar entre a roda da fortuna. Fonte de inspiración, velaí o gravado do Catro Xinetes do Apocalipse, apropiado para un tempo de conquistas, xerarquías, sometemento e pestes, o 1498, obra do xenio alemán, atento ao todo, Alberto Durero.

Nese mesmo camiño da loita pola patria da vida, ás veces en contra da mesma vida, propiciase a investigación, nacen as ciencias, a bioloxía, a menciña... os humanos creamos receitarios propios e colectivos, nun inicio entregados aos deuses da vida e da fortuna, erguendo templos, nos que non faltaron, na súa entrada, a xeito de purificación, saunas e baños. Normas de hixiene que se irán particularizando en cada casa, para quedar nos novos templos como lembranza de pías de "auga bendita".

Sempre os humanos no labirinto do cosmos, sometidos ao descoñecemento, ás sorpresas do devalar, onde nada é igual, retos que poñen a proba a capacidade de reacción. Experiencias ás que aplicar a razón e a ciencia. Onde se reclama aquel vello principio grego que insiste en que a democracia comeza por un mesmo e polo salón da súa casa, o Coñécete a ti mismo, tal como campaba inscrito nas limeiras do templo de Apolo en Delfos, principio da filosofía de Sócrates e Plátón, entendendo ao individuo como célula da sociedade e do humanismo. Base da chamada á autoaxuda, pra reforzar cada eslavón da cadea da colectividade, cadaquén na súa trincheira en loita común. Situacións que son exame á sociedade, á responsabilidade, ao espírito cívico e á cultura, seguindo as recomendacións oficiais en remar nesa mesma dirección.

Entre esas obras traspapeladas, inspiradas na peste O Decamerón do escritor italiano Giovanni Boccacio, novela de novelas, enmarcada na epidemia que no 1348 asolou Florencia: como argumento a determinación de un grupo de mozos, sete mulleres e tres homes de recluírse nunha vila de Fiésole, 14 días, agás venres e sábados, que pasan contando fabulas. Retraqueiros contos nos que Eros e Thanatos, entre o pánico, xogan arredor da roda da fortuna. O humor desdramatiza e pon en valor a vida.

Mesmo velaí A Peste (1947), novela de Albert Camús, alegoría ambientada na cidade murada de Orán, sometida e cercada pola epidemia. Parece ser que fai relación ao nazismo que envolve, como unha peste e tenta contra o ser humano. Situacións que crean e repiten adversidades, traumas, histerias individuais e colectivas absurdas, graciosas tamén, enxeñosas... os que desexan escapar, os que axudan... e mesmo agora un monarca que na confusión emborca parte do que os seus son.

Pois na busca das solución velaí a arqueoloxía de lugares de amorados, covas, illas apartadas, propicias para a reclusión dos apestados, lazaretos que, cando non había outra solución, se poñían baixo a advocación de santiños: o San Lázaro, San Antón, San Roque ou o mesmo San Amaro... aos que se lle atribúen intervencións milagreiras. Responsos e receitarios ao respecto tampouco faltaron no repertorio das supersticións.

Entre as películas lembramos aquela para días de ditadura e Semana Santa que era Molokay, a illa maldita (1959) sobre a lepra que no 1880 infectou a illa hawaina e o compromiso do belga Padre Damián arredor dos apestados; ou aqueloutra, Morte en Venecia (1971) de Luchino Visconti, argumentada na novela do mesmo título de Thomas Mann, alegoría sobre a beleza e a vida representada no adolescente Tadzio e na mesma cidade de Venecia, fonte á enfermidade, a peste e a morte...

Días de reclusión, pra coñecernos, remover o pensamento e renovar conductas, comezando pola hixiene, as verdades esenciais, as relacións, o valor da particularidade na universalidade, da sanidade, da ciencia, da creatividade, da aldea produtora de alimentos, do valor do común... Corentena que é acougo pro planeta da sobredose de contaminación e mercadeo.

Desafío global, fito, borrón que supón unha nova conta, custosa inversión de futuro en humanismo. E o aplauso solidario e de corazón aos imprescindibles pra que a vida siga. Guerra que terá a súa posguerra ou convalecencia, quedaran cicatrices e máis, por moito tempo.