Xusto cando o mundo se encamiñaba cara a unha nova revolución conservadora co aliñamento Trump-Johnson rememorando o eixo Reagan-Thatcher dos 80, irrompe a crise do coronavirus para estragar os seus plans de asalto político definitivo ao pouco que restaba do estado do benestar, é dicir, ás pensións, a educación e a sanidade pública conquistadas pola clase obreira durante un século de loita. Mala sorte, pois, para os dous jokers neoimperialistas: os seus problemas domésticos non se resolverán, esta vez, promovendo unha nova guerra en Oriente Medio.

Tamén impera o silencio sobre a ineficacia e a inutilidade esencial do estado na sempre ruidosa e agresiva bancada neoliberal española. Conservan, iso si, intacta a súa desvergoña e cinismo de costume: son os primeiros en aplaudir e cualificar de heroes os profisionais dunha sanidade pública que baleiraron de recursos durante décadas e ata onte mesmo: Verín. Os nosos neoliberais están dispostos hoxe a falar de calquera cousa menos da necesidade de dispoñer duns servizos públicos de calidade, universais e gratuítos. Eles prefiren cuestionar cada día o liderado e as propostas do presidente Sánchez; insultar directamente a Pablo Iglesias e augurar a diario a inminente ruptura do goberno de coalición.

Os nosos neoliberais prefiren falar de calquera cousa menos da súa propia responsabilidade no que acontece hoxe coa sanidade en Madrid, verdadeiro laboratorio das súas políticas privatizadoras durante as longas décadas de goberno daquela aristócrata liberal chamada Esperanza Aguirre, quen non sabía nada, por certo, sobre o enriquecemento súbito e ilícito dos seus colaboradores. Neste único sentido, ela tamén era hipocrática: a mágoa é que agora é cando se botan en falta as camas e os recursos humanos que foi recortando durante décadas da sanidade pública madrileña para estragalos, por caso, no Canal de Isabel II.

Hoxe vemos a Unión Europea e mesmo o Banco de España, caladiño coma un peto durante todo drama do 2008, reclamaren medidas fiscais e de gasto público urxentes para atallar as consecuencias sociais e económicas do impacto do coronavirus. A UE mesmo vén de renunciar a un dos grandes dogmas neoliberais de Maastricht, o da contención do déficit público, mentres o Banco de España vindica unha política fiscal acorde ás necesidades aumentadas de gasto público. Agardemos que, nesta ocasión, os fondos públicos non lle sexan entregados ao sector privado a cambio de nada, como aconteceu con Bankia, por exemplo, senón que os empréstitos se fagan a cambio de participar no capital social das empresas rescatadas. Isto si é keynesianismo, o outro sería a vella socialización das perdas.

Por último, no capítulo das tristuras, lamentar o espectáculo dunha esquerda foucaultiá e sempre opositora, preocupadísima pola cancelación de dereitos e liberdades individuais que supón o estado de alerta. Unha esquerda que reproduce estereotipos antichinos máis propios da obscena propaganda da Guerra Fría que dos corredores da academia nos que desventuradamente gañaron o seu dereito a predicar o carácter totalitario de todo poder estatal, mesmo daquel destinado a salvar as vidas de milleiros de persoas nunha epidemia. O seu é o único discurso neoliberal que escoitamos hoxe.