Por algunha razón misteriosa, no estado español as políticas de dereitas aplícanse e as de esquerdas negócianse. Ninguén convocou un mecanismo de concertación social como foron os Pactos de Moncloa para decretar o atraso da idade de xubilación, a lei Mordaza, a desaparición dos convenios colectivos, a lei Montoro; a introdución das ETT, a liberalización do sector enerxético, a privatización das empresas públicas, o rescate da banca ou a obriga constitucional de priorizar o pagamento da débeda pública sobre calquera outro tipo de gasto. Estas medidas foron todas elas executadas de xeito unilateral por gobernos do PSOE ou do PP, agás a reforma exprés da Constitución plasmada no artigo 135, esta si, concertada polos dous partidos sistémicos en tempo récord.

As políticas de esquerda, porén, si hai que concertalas ou, cando menos, ese é o sentido que lle outorgamos á apelación a un segundos Pactos de Moncloa por parte do goberno. Invocación talvez desafortunada, se temos en conta que o que alí se acordaron os representes da clase obreira -conxelar os salarios para conter a inflación- non sería compensado no futuro cunha recuperación do poder adquisitivo por parte dos traballadores, o que inauguraba un modelo de consumo baseado na débeda e non do aforro. Pero esa é outra historia.

As medidas que agora lle podemos reclamar ao goberno: renda básica, regulación do prezos de produtos básicos, fiscalidade progresiva, banca pública, recuperación de dereitos laborais ou o reforzo dos servizos públicos esenciais depauperados logo da longa década de austeridade neoliberal, non precisan dunha segunda edición dos Pactos de Toledo, precisan unicamente de firme vontade política e dos apoios parlamentarios necesarios para sacalas adiante cos que, a priori, seguen contando.

Outra cousa é que coa segunda edición dos Pactos da Moncloa se pretenda convencer a un terceiro da necesidade de respectar un cambio de modelo económico pola amplitude do seu apoio social e político. Referímonos, por suposto, a Europa, é dicir, á Merkel, cuxa receita para a devolución da débeda contraída polo estado español coa banca alemá para salvar a banca española é ben coñecida: recortes, recortes e recortes. Non nos parece, porén, moi previsible que, dez anos máis tarde, o rigor calvinista do gran cobrador de morosos do norte vaia ceder o seu lugar á indulxencia católica cos excesos puntuais do sur, e menos aínda en tempos de Pascua. Tampouco a conmoveron gran cousa no 2015 a negativa en masa do pobo grego ás condicións do seu rescate por parte da Troika.

E isto lévanos de novo ao gran punto intermedio entre 1977 e o 2008: o 1992 do Tratado de Maastricht. Un perfecto pacto mefistofélico no que, a cambio de pertencer ao futuro clube de ricos da moeda única, os países do sur europeo aceptaban a hexemonía industrial alemá no mercado único e o principio de austeridade fiscal. Ese tratado segue hoxe vixente, malia a bula temporal de von der Leyen, e por iso talvez deberán convidar á Merkel a sentar na segunda edición dos Pactos da Moncloa.