B alcóns. A morriña do espazo público compénsase dalgún xeito coa cerimonia dos aplausos colectivos ás oito da tarde desde os balcóns e as xanelas das nosas cidades. Hai varias interpretacións posibles sobre os outros contidos implícitos nesta manifestación de agradecemento masivo aos profesionais sanitarios, eu propoño unha máis: a da simple morriña do contacto social, da rúa, da perruquería, do bar. Felizmente, o universo posthumano que profetizou Haraway aínda non chegou, aínda non somos 'cyborgs chipeados' desde o berce que se comunican entre si unicamente a través das redes sociais ou do móbil. Aínda precisamos do encontro con ese outro que deixou de ser, desde hai unhas semanas, o inferno que dixo Sartre.

Ansiedade. O confinamento, a falta de mobilidade e o exceso de familia, poñen a proba a paciencia, os nervios, a cordura agora que non dispoñemos do recurso á activade física, á vida exterior para acougar de nós mesmos. Podemos experimentar, aínda que sexa nunha dose moi moderada, a tremenda dureza do castigo de privación de liberdade, do cárcere. O medo ao contaxio e ao noso futuro laboral, en diferentes proporcións segundo a idade, multiplican a nosa ansiedade e somos máis sensibles ca nunca ás explicación máis extravagantes sobre o que acontece. O Estado é obedecido e acusado ao mesmo tempo: moitas das trangalladas e das novas falsas que proliferan hoxe son máis produto da impotencia individual que do combate partidista insidioso.

Efecto bandeira. A suspensión da actividade política normal supuxo o protagonismo do Goberno e o silencio da oposición. O litixio partidista trasladouse, en consecuencia, aos diferentes niveis do estado: autonomías contra o Estado, concellos contra autonomías e así sucesivamente. O número de 'mascarillas' recadadas no bazar global pasou a ser un novo índice de eficacia política, e unha proba elocuente das carencias da centralización administrativa.

Merkel. Como sempre acontece en tempo de crise, a caseira de Europa apareceu en escena para dicir que aquí se fía mañá, que non se vai mutualizar nada e que os 'coronabonos' 'això no toca'. Fin da discusión. No Estado español celebraron como unha vitoria un empréstito de 25 mil millóns de euros que han ser destinados unicamente ao sector sanitario. Cada vez vai resultando máis evidente que no 15 Varoufakis defendía en Bruxelas os intereses de Madrid e de Guindos os de Berlín.

Pactos. Xa avisou o presidente da Patronal que todo o que non sexa socializar as perdas do IBEX e recortar dereitos laborais como no 2012 é facer partidismo populista. O 'gramsciano' Garamendi sabe ben que a hexemonía consiste en gobernar sen necesidade de estar no goberno, e para ese labor heroico conta, ademais, co apoio entusiasta de case todos os grandes grupos mediáticos.

III República. Como cada 14 de abril, cómpre lembrar de novo que a II República española non fracasou polos seus propios medios, senón que, máis ben, foi masacrada desde os cuarteis coa inestimable axuda, entre outros, do señor ao que rende homenaxe a Fundación Juan March. Cómpre lembrar tamén que para o bando vencedor a monarquía helvética que padecemos hoxe é o maior símbolo da súa vitoria.