Logo da pausa para o café e o tabaco, volve a conversa dos dous economistas de escolas opostas, do que acredita unicamente na severidade dos balances e do que sabe que estes nunca inclúen as relacións de poder, o peso acumulado da historia, da xeografía, dos exércitos. Di Giannis:

-Entón, que ides facer agora? Que ides poñer á venda como garantía do novo empréstito do norte ao sur?

-Iso está aínda por ver e correspóndelle aos políticos dirimilo.

-Sempre che dixen, Luís, que é un erro analizar á Unión Europea segundo o eixo dereita-esquerda, que o único operativo, o único que realmente explica o que acontece é o norte-sur.

-Queres dicir que no norte son todos de dereitas e no sur de esquerdas?

-Quero dicir que o deseño da UE está feito á medida dos países centrais do norte, desde o valor do Euro ata a lóxica colonial do Mercado Único.

-Estou seguro, Iannis, de que os países do sur xa eran conscientes dese deseño cando subscribiron Maastricht e que, aínda así, concluíron que estarían peor fóra que dentro. Quen lles prestaría agora nada, os chineses, o FMI? Xa ves de quen é agora o Pireo... ninguén dá os pesos a peseta.

-Non o creo, Luís, esta historia vaise repetir ciclicamente como en todas as relacións de dependencia: se Europa quere ser algo máis que un mercado cativo do capital alemán, vai precisar de maior integración política e fiscal.

-Non vexo os países do norte moi dispostos a ceder parte da súa soberanía e dos seus impostos para compensar o subdesenvolvemento do sur, querido colega.

-Pois baixo esta camisa de forza, os países do sur están condenados a ir á bancarrota unha e outra vez.

-Ás veces penso que te excedes na contundencia das túas análises, Iannis. Aínda restan moitas cartas por xogar.

-Refíreste ao BCE?

-Por exemplo.

-Iso non serve de nada a longo prazo.

-A longo prazo, todos mortos, como ben sabes. Ao que responde o grego cunha emoticona en forma de sorriso.

-Cada vez dura menos ese longo prazo.

-Contra iso nada podemos lexislar.

-Xa, hai un estraño fatalismo nas túas conclusións: es consciente de que sen alterar as regras do xogo vaise reproducir unha e outra vez o mesmo resultado... pero, en fin, ás veces esquezo que estou falando cun banqueiro.

-Non che terei en conta as túas últimas palabras, Iannis. Por certo, a que te dedicas agora ademais de a invocar o espectro de Keynes a todas horas?

-A ler os clásicos, os nosos que son os vosos. Máis en concreto, a Platón, a República. Queres que che traduza un dos meus subliñados?

-Veña.

-Vai: Porque realmente, calquera cidade, por pequena que sexa, está dividida en dúas: a cidade dos ricos e a cidade dos pobres.

-Coñezo a cita e tamén a súa receita para unha polis ideal: o control da vida pública por parte do Estado.

-O malo, querido colega, é que agora mesmo temos o peor dos dous mundos: autoritarismo e desigualdade.

-Non será para tanto. Boa noite.

-Boa noite.