Ademoscopia, a arte de influír na opinión pública describíndoa, debuxa unha curva descendente no apoio á xestión gobernamental da crise do Covid. Sabemos que era inevitable cometer erros ante unha situación como esta, que non aparece nos mapas de navegación da ciencia política nin conta con precedentes históricos dos que tirar leccións por analoxía, mais, en todo caso, preferimos os erros deste goberno antes que os acertos na xestión da crise, se os houber, das administracións de Trump e Johnson, os grandes campións da dereita neoliberal nestes momentos.

Porque no debate político de fondo: protección da vida fronte a protección da economía, dereita e esquerda foron ocupando o lugar que lles tocaba, e mesmo o sempre piadoso e ecuánime PNV fixo patente a súa condición de partido-patronal cando chegou a hora de verdade, é dicir, de asumir o custe económico de salvar centos, talvez milleiros de vidas, tal e como reclamaba o xesuíta e, por tanto, espiritualmente vasco Bergoglio, Francisco I.

Por suposto, botamos cousas en falta na xestión do goberno: non se regulou o prezo de produtos básicos, nin se demorou o pago do alugueiro e a hipoteca, e esta semana soubemos ademais que as axudas de estado ás empresas en apuros inclúen aquelas que tributan en paraísos fiscais. Non compartimos tampouco o atrezzo militarista da posta en escena do comité de emerxencia ou a torpe apelación ao ámbito provincial como xeito de eludir a sempre complexa interlocución coas comunidades autónomas.

Poderiamos seguir co memorial de cativezas, pero oído o tremendo baldordo da dereita hispánica nestas datas, as súas insufribles declamacións públicas de dó polas vítimas dunha crise que sería menor se coidasen máis da sanidade pública cando lles tocaba; lido o xornalismo de Guerra Fría que encabeza as súas portadas e inza os seus editoriais, visto e oído todo o anterior, concluímos que é mellor non engadir sequera un misto máis á gran cacharela para escarmento de herexes que argalla hoxe o seu Santo Oficio, o mesmo contra o que escribiu o oleirense Manuel Pardo de Andrade hai pouco máis de douscentos anos.

Temos presente, ademais, non só o exemplo comparativo das xestións literalmente inhumanas desta crise por parte de Trump, Johnson e do psicópata Bolsonaro, senón tamén o feito en circunstancias semellantes polo goberno Rajoy en 2011: socialización das perdas para os de arriba, desregulación do mercado laboral para os de abaixo e Lei Mordaza para criminalizar calquera expresión organizada de malestar social. Certo que mentres escribo isto último vénme á testa a célebre confesión pública de censura do Xeneral Santiago descrita como lapsus polo inefable Marlaska, outro episodio máis que debemos relegar discretamente á categoría de mal menor.

Agora que estamos chegando ao final do principio, que diría o vello Winston, cómpre saber que a segunda fase desta crise esixirá de medidas máis audaces que decretar un estado de alarma: tocar o peto dos de arriba coas enquisas en contra vai tornar o clima político irrespirable e o pacto coa dereita imposible. A boa noticia é que aínda restan case catro anos por diante.