17 de mayo de 2020
17.05.2020
La Opinión de A Coruña

Letras de esperanza e de consolo

17.05.2020 | 01:11
Letras de esperanza e de consolo

Entre os tesouros que alberga o Parlamento de Galicia está o fondo documental de Ricardo Carvalho Calero. Trátase dun conxunto de escritos, entre os que figura a súa relación epistolar con outros membros destacados da intelectualidade galeguista. No estilo desas cartas autógrafas reflíctese unha fonda relación fraterna, máis destacable se cabe tendo en conta que don Ricardo non soamente se relacionaba con persoeiros afíns, senón tamén con aqueles cos que tivera ou tiña fondas controversias. As vicisitudes dramáticas da guerra e da posguerra situáraos en ocasións en posicións diferentes, e son dabondo coñecidas as polémicas lingüísticas relativas a evolución normativa do galego.

Sen embargo o ton é sempre o de dous amigos que se reencontran cunha aperta en cada misiva. Ten un gran simbolismo que eses vencellos que teceron o moderno galeguismo estean depositados na sede da soberanía do pobo galego, nunha Cámara que debe ser lugar de encontro das sensibilidades que conviven no noso país. O galeguismo era tan amplo e tan pouco excluínte que nel tiñan acomodo o propio Carvalho Calero, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Álvarez Blázquez e un amplo etcétera que comprende a maioría dos que Luis Seoane chamou os "heroes calados" de Galicia, traballadores na sombra a prol desa comunidade que cristalizou nunha democracia parlamentaria na que os galegos conxugan a liberdade, a igualdade e a fraternidade.

Os nexos de unión entre aqueles persoeiros eran Galicia e a lingua galega. Concibían unha Galicia de todos cunha lingua de todos, e teimaban para que o idioma máis xenuíno dos galegos servira para aproximalos aínda máis. Albiscaban no rexurdimento do idioma un resorte esencial para a recuperación integral do pobo galego. A andaina democrática de Galicia discorre en paralelo coa recuperación da identidade lingüística, de acordo cun modelo moi noso que procura sempre a integración e a conformación dunha comunidade cordial na que non existen valados de ningún tipo.

Hoxe non hai galego que considere que a lingua que celebramos o 17 de maio é algo alleo. Pode ser un falante habitual ou máis ocasional, pero o sentimento de que o idioma forma parte da idiosincrasia máis fonda é algo xeneralizado. Sen el perderiamos esa parte esencial do país que consiste en interpretar o mundo segundo os nosos códigos.

Co galego aportamos a nosa propia perspectiva á cultura universal, e ademais facemos máis forte a nosa cohesión, patente nestas semanas de obrigado confinamento. Nesta proba que o noso país se esforza en superar pouco a pouco, e coas imprescindibles cautelas, esa cohesión demostrou ser moi consistente. Os "heroes calados" xurdiron de novo e falaron con conductas admirables que nos fan sentir aínda máis orgullosos do que somos.

Nesta experiencia que estamos a vivir as palabras foron fundamentais. As letras galegas son a nosa canle para transmitirnos nestes días esperanza, consolo e solidariedade. Demostrouse de novo o acerto de Carlos Casares cando define a Galicia como un país de palabras, palabras que aloumiñan e palabras que nos prestan afouteza nos momentos de incerteza.

As letras e as palabras galegas foron a materia prima de Ricardo Carvalho Calero, ao que Darío Villanueva considera o gran polímata galego. Poeta, filólogo, pedagogo, participante na redacción do Estatuto de Galicia do 1936, e tamén perseguido, prisioneiro e represaliado. A palabra foi a gran ferramenta de don Ricardo, e con ela quixo construír unha nova ponte coa comunidade irmá da outra beira do Miño. Polémicas lingüísticas aparte, Carvalho Calero axudou a facernos entender a importancia de non romper os vencellos coa lusofonía, hoxe felizmente fortalecidos grazas a diferentes iniciativas que acadaron un amplo respaldo en Galicia.

Celebramos neste 17 de maio a un home que axudou a construír a nosa comunidade mediante o cultivo apaixonado da lingua. En boa medida Galicia é herdeira de quen foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade galega, marcando así un fito na reivindicación da nosa fala.

Dos "heroes calados" pasamos a unha comunidade de falantes que ten no idioma galego un medio para comunicarse, unirse e relacionarse con outras culturas. As palabras de aquelas cartas que hoxe descansan no Parlamento de Galicia son un patrimonio común dos galegos que ten vocación de futuro. Queda pendente unha celebración máis intensa da súa figura, que hoxe non é posible. Pero de seguro que algún día a faremos.

Bo Día das Letras Galegas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook