20 de mayo de 2020
20.05.2020
La Opinión de A Coruña
Algo que declarar

Carvalho Calero

20.05.2020 | 01:32
Carvalho Calero

Sería inxusto reducir a figura de Carvalho Calero á súa toma de posición final respecto da cuestión da lingua. El foi tamén o autor da que segue a ser aínda hoxe, case 60 anos despois da súa publicación, a historia da literatura de referencia das nosas letras, un estudo monumental e rigoroso sobre a evolución da literatura galega que asentou un xuízo, ás veces demasiado valorativo, certo, sobre os autores en lingua galega que aínda perdura. Carvalho Calero, en suma, é o autor do noso canon, e só por ese feito, nunha época na que imperan o solipsismo de autoconsumo e a especialización minifundista na nosa academia, sería merecente da homenaxe sempre adiada dun Día das Letras Galegas.

Ora ben, resulta imposible eludir a análise da súa participación na questione della lingua, no debate interno aínda en curso sobre a xénese, a norma e a política lingüística que han determinar o futuro, e tamén o pasado, da nosa lingua. Unha polémica na que a súa aposta pola asimilación do galego ao portugués tivo consecuencias verdadeiramente cismáticas. Unha controversia, ademais, que atinxe o órgano máis sensible da Nación, e que por tanto suscita teimas encarnizadas e liortas cainitas que empecen, e moito, calquera posibilidade de acordo.

Non pretendemos esgotar nin repetir agora os argumentos de cada parte, que van desde o histórico-filolóxico deica a comenencia política de dispoñer ou non do prestixio e do respaldo dun Estado no que se abeirar do proceso de castelanización en curso imposto polos emisarios de Madrid na Xunta de Galicia, e sobre o que vén de advertir mesmo o Consello de Europa. Aínda así, sospeitamos que ao propio Carvalho asombrarían as posicións de máximos nas que leva instalada desde hai tempo a opción lusista, que xa refugou de calquera norma de transición que lle recoñeza cando menos un status, aínda subalterno, ao galego. A quen foi estudoso da lírica medieval galego-portuguesa -descrita por Tavani como galega lusitanizada- a aposta polo padrâo lisboeta dos seus seguidores de hoxe -ferreamente centralista e incapaz de calquera diálogo coas variedades do norte do portugués ou mesmo co brasileiro- espantaríao, estamos seguros, como unha mostra de regresión wahabista.

Volvamos ao rego. Comprendemos, compartimos a mesma ansiedade polo presente e o futuro da lingua galega que padeceu Carvalho Calero, mais se do que se trata é de sumar forzas para asegurar mil primaveras máis para o galego, cómpre partir do recoñecemento mutuo, deixar de expedir certificados anticipados de defunción e afastar o debate definitivamente das calas de pureza xenética.

A lingua é unha construción social que rexistra os sismos, as tormentas, os desertos atravesados por un pobo ao longo da súa historia. Comprender o galego desde este punto de vista, a mesma mirada que deitaba Benjamin sobre a historia da clase obreira, ofrece a posibilidade de redimir desde o presente un pasado de derrotas, si, mais tamén de resistencia e insólita creatividade. Neste sentido, o portugués é unha ferramenta máis coa que construír un futuro para o galego, unha ferramenta imprescindible. Estamos certos de que Don Ricardo compartiría hoxe este programa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook