En febreiro de 2012, o Goberno Rajoy aprobaba a súa Reforma Laboral vía decreto e sen ningún tipo de concertación ou diálogo social previo cos sindicatos. O decreto sinalaba no seu preámbulo a necesidade de acometer profundas reformas estruturais no mercado de traballo español tal e como lle reclamaban constantemente unhas anónimas "institucións económicas mundiais e europeas" (a Troica) co fin de paliar a alta taxa de desemprego naquela altura, superior ao 22% e de reducir a temporalidade.

Ao abeiro dunha situación excepcional e invocando o "consello" de instancias foráneas, a dereita española podía realizar por fin o seu programa soñado de recortes sociais e laborais. O decreto de Rajoy, unha obra mestra da razón cínica, invocaba os conceptos de flexiseguridade e descentralización para deixar sen efecto os convenios colectivos legalizando os descolgues empresariais, ao mesmo tempo que facilitaba o despedimento colectivo con novas figuras xurídicas como os ERE por causas obxectivas e reducía de 45 a 33 días por ano o cómputo da indemnización por despedimento, que mesmo podía chegar a ser considerado procedente en situación de baixa por enfermidade do traballador.

A reforma, presentada orgullosamente e cun punto de sadismo ante os seus homólogos europeos polo daquela ministro de Economía Luís de Guindos como "extremadamente agresiva", cargaba sobre as costas da clase traballadora española o custe dunha crise na que se viñan de investir 60 mil millóns de euros nun rescate bancario do que, segundo o ínclito de Guindos, se ía devolver ata o último euro e aínda non vimos o primeiro céntimo.

Cando a economía española empezou a medrar a partir do 2015 no ronsel da recuperación da economía mundial, a paisaxe despois da batalla resultaba desoladora. Os desprezados mileuristas dunha década antes son agora o horizonte utópico para unha xuventude que encadea, con sorte, contratos sucesivos de 20 horas semanais, cando non exerce de emprendedora, é dicir, de falso autónomo para o reparto en bicicleta con cargo a unha plataforma multinacional da economía colaborativa. O Índice de Gini, que mide a desigualdade, disparábase en España entre o 2003 e o 2018, situándose por riba da marca de países cunha forte e histórica polarización social como Portugal. En definitiva, a Reforma foi unha ferramenta útil para converter o desemprego en subemprego e agrandar a extracción de plusvalías dunha clase traballadora que vía reducida a súa achega ao PIB estatal mediante rendementos do traballo un 10% entre 2008 e 2017, a década ominosa.

Contra a desaparición deste cadro de explotación intensiva da clase obreira, e da máis que razoable aínda que improbable suba de impostos aos grandes patrimonios, maniféstanse estes días os pijos nos seus Audis e BMW todoterreo inzados de bandeiras españolas no centro das nosas cidades. Unha rebelión dos ricos, dese 1% social que conta, porén, co apoio do 90% dos medios de comunicación, e que debe ser contrarrestada tamén masivamente na rúa en sentido contrario, reclamando servizos públicos de calidade, traballo digno e a derrogación da reforma laboral.