Amaior pedra no camiño dos Negros cara á súa liberdade son os brancos moderados máis devotos da orde que da xustiza", escribiu Martin Luther King desde o cárcere de Birmingham, Alabama, en abril de 1963, uns meses antes da Gran Marcha sobre Washington onde pronunciaría un dos grandes discursos políticos do século XX: I have a dream, cima da longa loita do Movemento polos Dereitos Civís en Norteamérica. Que facía King en Birmingham? Encabezar as marchas e sentadas de protesta tras do atentado con dinamita a unha igrexa baptista por parte do Ku Klux Klan no que foran asasinadas catro meniñas afroamericanas. Un ano máis tarde, o presidente Johnson, sucesor do asasinado Kennedy, promovía a Lei de Dereitos Civís que puña fin a segregación racial -e tamén á hexemonía do Partido Demócrata- nos estados do Sur. O pacifista King, o pastor evanxelista que adoptara a resistencia pasiva ghandiá como método de loita política, morrería tamén el asasinado en 1968 en circunstancias pouco esclarecidas.

Na outra beira da mesma loita situábase Malcolm X, que renunciaba de principio a procurar un espazo para os negros na Norteamérica branca: "Nós non queremos a integración, queremos liberdade", anticipando, desde o seu islamismo militante en transición cara a un marxismo aprendido das experiencias da Descolonización africana, as posicións, xa abertamente comunistas, que han defender os Black Panthers na xeración posterior. Sospeitaba, con razón, que a igualdade formal non abondaría para acadar a igualdade real, que a dialéctica de raza e clase é inseparable.

Poucos movementos políticos do século XX no chamado Primeiro Mundo resisten unha comparación coa fértil e plural loita dos afroamericanos polos Dereitos Civís e a igualdade real. Poucos produciron semellante cantidade de manifestacións culturais e artísticas, do R&B e o jazz ao rap ou a Blaxploitation, do Harlem Renaissance ao Chicago da Motown; figuras colosais por indómitas e desafiantes como Muhammad Alí, escritores como Toni Morrison, Maya Angelou ou Leroi Jones; campañas de axitación e propaganda como o Black Power e incontables líderes políticos como Marcus Garvey, WEB Dubois, Paul Robeson, Huey P. Newton ou Angela Davis, ademais de King e Malcolm X. Poucos padeceron, tamén, unha represión tan intensa, feroz e prolongada no tempo por institucións como o FBI e o Departamento de Estado que, aplicando lóxica sectaria da Guerra Fría, pasaron a tratalos como axentes antiamericanos infiltrados do inimigo.

As reaccións ao asasinato de George Floyd poñen de manifesto a vixencia das causas da loita que iniciaron os líderes do Movemento dos Dereitos Civís hai case 70 anos. Amosa a permanencia da división clase/raza nos Estados Unidos e do racismo como ideoloxía resistente incrustada en parte da sociedade branca, nomeadamente, na policía. Amosa tamén, para asombro de moitos, que o acceso de Obama á presidencia deixou intactas as estruturas de poder económico e social dos Estados Unidos, así como a inanidade das liortas culturais e identitarias que adora a esquerda posmoderna. O conflito amosa tamén, felizmente, a forte cohesión e solidariedade interna da comunidade afroamericana, que nestes momentos, vindica nas rúas o legado de King e Malcolm X.