A decisión está tomada: o Goberno debe caer. A democracia española cometeu o erro gravísimo de non escoller o Goberno axeitado en 2019 e ese erro debe ser reparado agora por todos os medios. A esta conclusión chegou hai tempo a Troica española, por chamarlle dalgún xeito á alianza de poderes altamente cohesionada da que forman parte, en primeiro lugar, o económico, o das grandes fortunas patrimoniais hereditarias, e o corporativo dos sectores enerxético, financeiro e das telecomunicacións. Non tanto o capital produtivo industrial, que quere ter a quen venderlle os coches que produce.

A segunda pata da trepia está firmemente instalada nos órganos neurálxicos do Estado desde os tempos da Ditadura e seguindo a mesma distribución: os camisas azuis nos corpos de seguridade do Estado, os tecnócratas do Opus nos estamentos máis altos do funcionariado e na xudicatura. Unha estratexia que levan executando máis de medio século e que lles segue garantindo hoxe o control, se non o monopolio, da caixa negra do Estado.

Por último, o aparato ideolóxico, formado uns medios de comunicación encargados de difundir, os máis hixiénicos, críticas despiadadas ante calquera movemento do Goberno en dirección contraria aos intereses da primeira pata da Troica, a do poder económico. Mais tamén existe unha segunda facción nestes medios abertamente partisana e ultra, que fixo da intoxicación, o insulto e o acoso o seu único xeito de exercer a comunicación.

Cal é a particularidade desta Troica española? Cal é a diferenza entre a estrutura de poder da dereita española e a do resto dos países europeos? A segunda parte, a estatal. No caso español, o check and balance das democracias anglosaxoas, o sistema de contrapesos concibido para evitar a acumulación de poder no executivo, trasladouse ao interior do propio Estado, cuxas máis altas institucións están en mans da dereita e funcionan de xeito autónomo e quintacolumnista, operando en sentido contrario aos designios do Goberno escollido democraticamente cando este excede certas liñas vermellas, nomeadamente, as referidas á Monarquía, á unidade do estado, e á preeminencia da propiedade privada sobre a pública.

Non existiu no Estado español unha institución semellante á ENA francesa, encargada de educar aos futuros gobernantes da República baixo os preceptos e valores transmitidos desde a Revolución -laicismo, separación Igrexa-Estado, meritocracia na selección dos cadros, etc.- senón que, froito do fracaso das revolucións liberais do XIX e dos 40 anos de Ditadura, no caso español, certas estruturas internas do Estado permaneceron sempre en mans da dereita, os célebres "fillos de familias prominentes", que dicía Fraga cando tentaba explicar en clave darwinista o resultado premonitorio dunhas oposicións á Deputación de Ourense.

Neste contexto, evocamos hoxe as palabras do comandante da Garda Civil José Rodríguez Medel interrogado por Mola na véspera da súa execución sumaria, o 18 de xullo, en Pamplona.

-Que faría vostede se se implantase o comunismo en España?, pregunta Mola.

-Cumprir co meu deber, contesta Rodríguez-Medel.

-E cal sería o seu deber?

-Obedecer as ordes do poder constituído.