17 de junio de 2020
17.06.2020
La Opinión de A Coruña
algo que declarar

Contra a impunidade

17.06.2020 | 00:33
Contra a impunidade

-Ás veces cómpre ler a prensa estranxeira para saber o que acontece no propio país, dicía o coronel sen correspondencia de García Márquez. Nestes últimos días, algúns dos muros de silencio levantados para protexer certos secretos da democracia española foron asediados por fin desde fóra. En primeiro lugar, a revelación por parte da prensa británica da operación do rei emérito para agochar 50 millóns de euros de procedencia ilícita nunha conta opaca en Suíza. O único a dirimir neste asunto por parte da xustiza española, forzada a actuar polo impacto na comunidade internacional dos feitos, non é canto roubou o anterior rei, nin como, senón unicamente cando, se foi antes ou despois da súa abdicación e, por tanto, da extinción da súa impunidade como rei. O debate sobre a inviolabilidade da xefatura do Estado, un residuo do Antigo Réxime consolidado na súa prórroga franquista, é pechado, porén, a cal e canto, e o novo rei semella querer repetir a estratexia do seu predecesor co eterno infante Don Juan: salvar a coroa renegando do pai. Sen dúbida, o verdadeiro manual de resistencia é o borbónico, transmitido dunha xeración á seguinte durante máis de trescentos anos.

A implicación directa de Felipe González na organización dos GAL desvelada pola CIA é o outro gran muro de silencio asaltado estes días desde fóra. Asombra, de feito, o silencio case unánime nas principais cabeceiras españolas respecto dunha nova que, segundo a valoración feita polo propio servizo de intelixencia norteamericano, pon en dúbida as credenciais democráticas daquel goberno dirixido por González. Certo é que esta revelación veu precedida dunha xigantesca cortina de fume a mans do anterior presidente de El País, Juan Luís Cebrián, vinculando o expresidente Zapatero cunha suposta trama de corrupción que tiña como base de operacións, como non, Venezuela. Non sabemos se a posterior dimisión da directora deste medio, Soledad Gallego Díaz, estará ou non relacionada con este feito, mais o que si semella estar en xogo é a futura liña editorial da cabeceira madrileña cun goberno de coalición definido a semana pasada polo propio González como o camarote dos irmáns Marx. E ten toda a razón, nun goberno como este unha operación que esixe de grandes doses de silencio e complicidade como foron os GAL sería inconcibible. O que gañamos en democracia e transparencia perdémolo en eficacia, sen dúbida.

Semella que estes incómodos xerros chineses, a expresión coa que o propio González definía os expresidentes, ademais de resultaren, ás veces, decorativos no centro das mesas do consello de administración desas grandes empresas do IBEX que reclaman hoxe impostos baixos e despedimento barato, poden gardar aínda a esencia de antigos crimes de estado. A democracia española non pode tolerar o esquezo e a impunidade sobre estes feitos sen arriscar as mesmas fontes da súa lexitimidade como estado de dereito. As responsabilidades políticas e penais derivadas levan demasiado tempo agardando por un xuízo que non pode ser deixado unicamente en mans da Historia, unha historia celosamente gardada e silenciada tras da Lei de secretos oficiais de 1968.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook