Coma os bos cociñeiros, os políticos deberían ser tamén os primeiros en catar o resultado das súas propias receitas. Desgraciadamente, os xestores neoliberais que desde hai décadas desgobernan o noso país, teñen sempre moito, moitísimo coidado de se situar fóra do alcance das súas propias políticas. Non en balde reciben un elevado soldo pagado por todos e todas nós que lles permitirá manterse a salvo, a si mesmos e ás súas familias, das consecuencias dos seus propios recortes na sanidade, educación públicas.

Non sabemos do familiar de ningún alto cargo da Xunta, ou membro de familia prominente do PP, que diría Manuel Fraga, que tivese que atravesar a pasada e aínda presente tormenta da pandemia do Coronvarius nunha residencia Domus VI, as mesmas que foron privatizadas polo seu partido en tempo récord ao chegar á Xunta de Galicia no 2009. Dous meses foi o que lle levou Beatriz Mato -a daquela conselleira de Benestar e hoxe, porta xiratoria brevísima mediante, membro do consello de administración dunha enerxética -desmontar o sistema de residencias público posto en pé polo Bipartito e coñecido coma Sogaserso. Dous meses, velaquí un verdadeiro récord da xestión entendida como peche, privatización e liberalización de antigos sectores públicos, para demoler o que levara meses e anos de laborioso deseño, planificación e execución poñer en pé. É outro dos grandes paradoxos da ciencia política da nosa época: teñen fama de bos xestores os mesmos que entenden que o seu gran obxectivo político é deixar o Estado con cada vez menos cousas que xestionar. autoestradas e policía, ese é o único rol que lles outorgaba o pai ideolóxico de moitos deles, Milton Friedman, o dos Chicago Boys e o brutal experimento neoliberal no Chile post-Allendista que está no cerne do país tremendamente desigual e polarizado que é hoxe o país de Neruda e Bolaño. Mais, como di meu pai, moral de aforro campesiña, vender só se vende unha vez.

Volvamos coa historia da conversión de Sogaserso na Domus VI, á que aínda lle restan varios episodios, máis dos que poderiamos resumir en 500 palabras. A súa liquidación definitiva e venda a un grupo de inversores portugués, Magnum Capital, chega no ano 2012 cando colapsan as antigas caixas de aforro galegas, propietarias ao 50% do capital da sociedade. No 2015 é a súa vez revendida a outro fondo de capital estranxeiro, aínda que habería que preguntarse se existe algún capital que non sexa estranxeiro, neste caso francés, Pai Partners, ao que lle ofrece unha alta rendibilidade anual: 20 millóns de euros, ao tempo que acumula continuas denuncias dos seus traballadores e usuarios por deficiencias no servizo e incumprir as ratios de persoal. Estas denuncias chegan a constar mesmo no informe do Consello de Contas do ano 2017, o que non obsta para que a Consellería de Industria do etéreo Francisco Conde lle outorgue, no 2019, o premio Galicia Global, redondeando así, o ciclo narrativo: Mirade que ben funciona esta empresa que privatizamos nós hai 10 anos! O desastre chegou xusto un ano despois.